Deixou de ir ao longueirón por saúde. É poeta e tamén guía: «Sigo vivindo do mar». El é Alexandre Nerium
30 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Os ollos de Alexandre Nerium escintilan. Teñen unha luz especial -vese nas imaxes-, un vaivén que tamén se percibe na súa fala. Entoa cun ir e vir, coma o baile das ondas que veñen dondas e volven tranquilas, que morren sen furia. El é serenidade. Nerium (Francisco Manuel López Martínez de nome real) naceu en Fisterra no 1960. Débelle todo ao mar, tamén esa luz da mirada e esa danza na lingua contada. «Amo o mar. O mar para min é a metáfora da vida. Refúxiome nel porque é onde máis me recoñezo: xa creo que nas veas teño salitre, non sangue», ri. Leva toda a vida rodeado desa aura salgada.
Alexandre Nerium é nome de mariñeiro, nome de guía, nome de poeta. El é as tres cousas. No corpo ten aqueles xogos de neno facéndolle a guerra ao mar, as horas embarcadas co seu pai e seu irmán, o moito que lle enchía ir ao longueirón. Traballaba en apnea, pero tivo que deixalo por problemas de saúde. Ten saudade e máis ao mesmo tempo non, porque, como el mesmo di, «eu sigo vivindo do mar, sobre todo da cultura mariñeira». Nerium é o guía, a alma mesma, do Museo da Pesca de Fisterra, un feiticeiro recuncho no castelo de San Carlos. Estes días abre porque o chaman: hai nada atendeu a uns reporteiros do Financial Times; a unha profesora da Universidade da Coruña que viña con dúas mestras do Brasil e que andaban facendo a tese de doutoramento; conversará con Ribeiras de Salitre, un proxecto do muxián Rivadulla Corcón; en breve chegarán á súa porta escritores encabezados por Xosé Luís Axeitos... Sempre vai habendo excursións.
No 2016, este Museo da Pesca que lle quita folgos e á vez lle dá a vida cumprirá dez anos. Para entrar a este mundo das nasas, das rañas, do xeito ou do escandallo, tan só hai que pagar un euro. Antes tiña unha compañeira que facía ese traballo, mais agora é el o que recibe, o que cobra e o que guía: «As condicións son bastante deficientes, pero eu dígolle á xente que teño que facer de porteiro e máis de dianteiro centro e rinse», conta. Vive o seu traballo e di que ten o privilexio de coñecer xente de todo o mundo (máis de 2.000 estranxeiros, moitos peregrinos, no 2014). Nos máis de nove anos que leva amosando a cultura do mar cre ter recibido a 70.000 persoas, entre elas algunhas como a escritora mexicana Elena Poniatowska, premio Cervantes. Alexandre domina con xeito o francés e o inglés vaino aprendendo dos seus visitantes: «Case sempre hai algún que se ofrece para traducirme».
Éntralle algo de pena cando pensa nas circunstancias do museo -hoxe depende de Neria- e na súa continuidade. Vería ben que o Concello se fixese cargo del, porque cre que cumpre unha función clave: «Ás veces gástanse moitos cartos en facer conferencias fóra sobre a pesca cando aquí temos a oportunidade de divulgala para miles de persoas que saen contentas e levan este mundo aos seus países». Son 45 minutos de visita guiada os que el fai de cada vez, sexa un grupo ou sexan dúas persoas, dende a mañá ata a tarde. «Acabo esgotado, pero unha das cousas que máis me reconforta é cando aos visitantes, saíndo cara fóra, lles escoito: ?¡Y después decimos que el pescado es caro!». Nerium non só fala das artes do mar, do mar mesmo, senón tamén do que custa traer o peixe á terra. Seguirá escribindo sempre, mentres poida, roubándolle tempo ademais a esas horas nas que tamén ten que andar por cuestións de saúde. Téñenlle chamado o poeta do mar, mais el cita a Manuel Antonio e a Bernardino. Co último ata tivo a oportunidade de recitar. «As dúas rapazas do Brasil que viñeron hai pouco preguntáronme con que animal do mar me identificaba. Logo dixeron que eu era coma un ser vivo do mar, coma se fose un peixe, e é verdade», reflexiona. Ten na propia casa máis exemplos: «A miña sogra foi aos percebes co meu sogro. Tamén a miña muller, de pequeniña, ían aos mexillóns.... O mar, para os mariñeiros, éo todo, aínda cando se xubilan. Fáltalles. Unha vez que te pós no mar, o mar éo todo para ti, unha atracción». Dóelle que, en conxunto, non sexamos quen de promover e divulgar máis a cultura da salitre. «É importantísima», asevera. El mesmo respira por ela.
«A poesía éo todo, pero eu non teño pensado escribir corenta libros»
Vogar de couse, Detrás da néboa o felo e Nocturnidade do sal son poemarios de Alexandre Nerium. Ten participado en obras colectivas e antoloxías, ten gañado galardóns e é posuidor dun dicionario do mar, propio, particular e único, verbas eternas que el emprega para comunicar. «A poesía éo todo, pero eu vou pouquiño a pouco. Non teño pensado escribir corenta libros: espero, como moito, escribir unha pentaloxía». Cre que é suficiente e que os versos sentidos calan: «Non aspiro a ser un grande escritor, pero hai algúns que cun só libro xa foron recoñecidos pola xente. Se nun poemario recoñeces dous ou tres poemas bos, e es quen de lembralos, é un bo poemario. O que tes que conseguir é escribir un bo libro». Hai 15 anos que leva tecendo unha antoloxía con textos de autores do mundo que lle escribiron a Fisterra: «É un patrimonio inmaterial importantísimo». Cita o Finisterre de Sylvia Plath ou tamén os versos de estadounidense Longfellow que emocionan aos peregrinos cando os len no museo: Cape Finisterre is drawing near, Cape Finisterre is past; Into the open ocean stream She floats, the vision of a dream (...).
O mar é o corazón poético, mariñeiro e museístico. Algúns nenos coñecen a súa faceta de escritor pregúntalle a Nerium pola poesía e el incluso lles recita algo. Non separa amores: «É todo complementario, non son cousas diferentes». No medio dunha excursión portuguesa, contoulle un día aos visitantes que el fora convidado pola Universidade de Coímbra a un encontro internacional de poetas. Conversando e conversando, entre a agrupación revelouse un nome ben coñecido, o do autor Barroso da Fonte. Estaba alí mesmo, escoitando a Alexandre: «Escribiume un poema dedicado a Fisterra». A poesía -a diferenza de ir ao mar hoxe en día- non entende nin sabe de burocracias.