Afloramento de algas mariñas: Canarias «versus» Galicia

Xosé Manuel Barros

FISTERRA

Ana Garcia

Debate sobre a incidencia da contaminación nun fenómeno cada vez con más presenza

17 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste pasado verán tivo lugar nas illas Canarias, en Tenerife en particular, unha intensa polémica medioambiental, recollida na prensa local con titulares coma os seguintes: «Microalgas en Canarias. Hay una vinculación entre los vertidos y los microorganismos en las playas», «Un estudio contradice al gobierno: Los vertidos fecales alimentan las microalgas», «Es innegable la relación entre cianobacterias y aguas residuales», «Ética y microalgas en Tenerife», «Las cianobacterias como las del bloom de este verano en Canarias sí pueden alimentarse de las aguas residuales».

Toda esta polémica na prensa viña a conto da aparición en diferentes municipios do sur de Tenerife e tamén noutras illas do arquipélago, de manchas marróns na auga, perda de transparencia e presenza dunha escuma viscosa , provocadas pola floración das algas.

Por unha banda, o Goberno de Canarias, o Cabildo de Tenerife e a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e a súa equipa de asesores, argumentaban que este tipo de episodios son un fenómeno natural provocado polo aumento de temperaturas e pola elevación da irradiación solar. Por outra, o doutor en Ciencias do Mar, Jesús Cisneros, profesor de Contaminación Mariña e Oceanografía Costeira na Universidade das Palmas de Gran Canaria: o catedrático Julio Muñiz, profesor xubilado do ciclo superior de Química Ambiental en Tenerife, e o propio subdelegado do Goberno, licenciado en farmacia e con praza de inspector de Sanidade do Goberno canario, coincidían en que as causas que provocaron a proliferación de microalgas nas costas canarias son os verquidos de augas residuais ao mar xunto con outros factores, coma o quentamento das augas oceánicas polo cambio climático.

O profesor Cisneros puntualiza na súa nota que xa hai 12 anos advertiu da mala xestión das augas residuais nas Canarias como a causa da abundancia de algas, microalgas e cianobacterias e comenta que no mundo, hai liñas de investigación que confirman a relación directa entre contaminación e floracións destes microorganismos e que, se non hai máis investigacións ao respecto é «porque las Aministracciones públicas ocultan el problema, lo meten bajo la alfombra, en lugar de afrontarlo». A polémica está servida nas illas Canarias.

E se isto pasa nas augas dun territorio insular situado en pleno océano, aberto a todos os ventos, ¿cal pode ser a situación real das augas costeiras de Galicia, encaixadas entre o litoral e o corredor de Fisterra, unha cortina de 33 quilómetros de ancho pola que navegan, rumbo norte e sur, máis de 40.000 buques ao ano (cada vez máis cruceiros con milleiros de turistas a bordo) tan só a 40 quilómetros da nosa costa ?

Segundo o último informe a Comisión Europea sobre a calidade das nosas augas costeiras, hai a día de hoxe 21 puntos negros dos cales 13 están na provincia da Coruña, delatando nas súas análises contaminación orgánica por un deficiente funcionamento ou infracapacidade das estacións depuradoras das augas residuais. Un día sí e outro tamén xorde este tipo de incidencias nas depuradoras das nosas vilas costeiras.

Pero moito máis preocupante, por incontrolable, é a fonte de contaminación orgánica xerada polos máis de 100 barcos ao día que navegan por este dispositivo de separación e que, en función dunha lexislación marítima internacional obsoleta, están autorizados a descargar directamente no mar as augas negras sen tratar, sempre que sexa máis aló de 12 millas da costa. ¿Que niveis de concentración de materia orgánica se poden chegar acadar nesta estreita franxa costeira? ¿Como traballan as correntes mariñas superficiais e os ventos predominantes no seu potencial achegamento á costa ? ¿A proliferación de algas mariñas nas nosas costas son sempre un fenómeno natural ou os aportes de nutrientes destas augas residuais teñen algo que ver ?

Esta posible interacción é obxeto de debate, non só nas Canarias senón tamén, desde hai moitos anos, a nivel internacional. ¿Por que en Galicia non?