Monte Louro

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

FISTERRA

08 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O7 de decembro do ano 1779, o avogado norteamericano John Adams, que logo

sería segundo presidente dos Estados Unidos, veu Galicia por primeira vez. O buque francés que o traía a Europa tiña unha grave avaría, así que o capitán decidiu desembarcar en Ferrol. Foi Adams quen, ás once da mañá, descubriu a terra firme e anotouno no seu diario. Viu dúas grandes montañas, unha «aguda e escarpada » e outra «longa e ancha». Logo emproaron cara o norte, e pasaron tres cabos: Fisterra, Touriñán e Vilán na procura

das seguras augas da ría ferrolá.

Non é difícil saber cales foron os montes cos que se topou o norteamericano John Adams. Monte Louro, sen dúbida ningunha, e moi probablemente, a serra do Barbanza, ao sur. Iso fíxome pensar en cantos itinerarios marítimos, en crónicas de navegantes desde o máis profundo da Idade Media, de lobos de mar de todo o mundo, de viaxeiros e de cartógrafos, monte Louro é un referente perfectamente definido.

Xunto co cabo de Fisterra, orientado ao sur -coido que

o único con esa disposición na

fachada atlántica europea-,

monte Louro foi un importante referente da navegación

marítima atlántica que, se cadra, aínda non temos ben posto en valor, xa non digo turístico, senón no noso imaxinario.

E iso malia agochar aínda moitos dos seus segredos. En efecto, no alto, onde están

as ruínas da capela, pódense

ver aínda as estruturas dunha

posible atalaia ou castelo sen,

por agora, referentes na documentación e que a Xunta de

Galicia non ten catalogado. Non estaría de máis dedicarlle

un ano a esta icona fermosa dos nosos mares bravos.