María Castro: «En Fisterra arrancaron meus pais a súa vida»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

J. M. VILLALBA

A REMOLLO | A actriz vive en Madrid, pero as vacacións son sempre en Baiona e días atrás achegouse tamén ata a Costa da Morte

02 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Fisterra, coa súa lonxa e o seu faro; Carnota, coa imprescindible praia Boca do Río; Muros; o castro de Baroña, en Porto do Son; a Praia do Vilar, en Ribeira; ou A Illa de Arousa foron algúns dos lugares que durante cinco días percorreu María Castro Jato (1981) en autocaravana. Actriz, blogueira «a anacos» (só en Instagram ten xa 596.000 seguidores) e, sobre todo, nai a tempo completo, como se define nesta rede social, tivo un moi bo motivo para iniciar esta viaxe por Galicia na fin do mundo, na Costa da Morte.

Aínda que residente en Madrid, María sempre ten Galicia presente. De camiño cara a praia, a tamén exximnasta rítmica fai unha parada nas súas vacacións para responder a unhas cantas preguntas de vida e profesión. Vive un momento especial: sobre a última semana de setembro, segundo «estima o médico», terá a súa segunda filla. «Outra nena, si! Como di a miña pequena maior, o que ela quería», conta rindo. Nacerá en Madrid, se non hai cambios.

-Baiona é a súa base de vacacións, aínda que nacese en Vigo.

-Sempre o foi, dende que estaba na barriga de miña nai, hai xa 38 anos. Volvo sempre e procuro pasar aquí moito tempo, pero a veces o traballo non me deixa. Agora estou xa parada, tanto polo embarazo como polo covid: pospúxose a longa xira que tiñamos e retomarase cando dea a luz. Así que, nestes momentos, tranquila, na miña terra e gozando dun verán deses como xa non lembraba, coma os veráns escolares. Feliz.

-Que obra teatral a tiña de xira?

-Juntos, preciosa, dirixida por Juan Carlos Rubio, con Kiti Mánver, Gorka Otxoa, Inés Sánchez e eu. Estivemos con ela de xira, logo tres meses en Madrid, logo de novo xira... tiñamos todo vendido, era moi gratificante saír ao escenario. A nosa última parada, antes de suspenderse todo a causa do covid, foi Mallorca. Pospúxose para outubro, pero para daquela eu estarei cunha nena recén nacida e con outra de catro anos [ri]. Embarcareime despois no seguinte proxecto teatral, porque para ese mes o que teño que facer é ser nai por riba de todo. Se todo vai ben, en decembro empezaría a ensaiar unha obra nova, La coartada, dirixida por Bernabé Rico, con Gorka Otxoa e Miguel Hermoso como compañeiros. Estrearíamos a finais de xaneiro en Valencia, faríamos unha xira por toda España, tamén Galicia, e logo entrariamos en Madrid. Unha obra intensa, onde non baixo do escenario do principio a fin, así que para entón espero ter forzas [ri].

-Os seus vídeos de manualidades coa nena e tamén de receitas en Instagram, no confinamento, foron seguidos por moitos.

-Estivemos moi entretidas! Tamén son mestra e gústanme moito os nenos: non é que o fixese para o público, facíao para ela e para min, pero logo pensei que, se o publicaba, quizais podía axudar a ter ideas e pasar mellor ese tempo pechados. Moita xente seguiume por iso, e quedaron agradecidos: tratábase de que non todos os días fosen iguais. Improvisamos.

-Interpretou vostede a Isabel Zendal na película «22 ángeles». Personaxe moi diferente ao de Jessy, dende logo. Os actores son unha mezcla de todos eles?

-Interpretar a Zendal foi moi impactante, e para min moi emotivo gravar esa película. Primeiro, polo que contaba, porque ao ser algo histórico sempre é máis especial, e segundo, porque xa estaba embarazada de seis meses de Maia. Rodei nesas circunstancias, nun barco na ría de Ferrol, con ondas de seis metros e todo o equipo mareado. Os nenos, os animais... Creo que ata foi cando lle puxen o nome á nena: tiñamos tres ou catro propostos, pero nun momento da rodaxe agarrei a barriga, mirei ao horizonte e dixen: «Non podemos caer, Maia!». Chamei ao meu marido e díxenlle: «Creo que vai ser Maia, empecei a falar con ela xustamente hoxe». O bonito de ser actriz, o ideal, é facer personaxes moi diferentes entre si, para que non se contaminen, e porque te enriquece mirar, sentir e tocar de diferentes xeitos. Intento que, aínda nacendo de min, non se parezan en nada a min. Tiven a sorte de poder facer cousas moi distintas.

-Fisterra formou parte da súa viaxe en autocaravana.

-Aí arranquei, en Fisterra. Como o meu marido é valenciano e sempre vimos a Baiona, coñecemos algúns sitios de Galicia, pero non moitos, a verdade. Propúxenme este ano poder ensinarlle máis, pero sen correr riscos polo covid, así que pensei que a autocaravana sería o ideal. Van&Fun, empresa de Vigo, púxomo moi doado, e buscou ademais unha axeitada ás miñas circunstancias e ao que queriamos facer. Arranquei en Fisterra porque foi aí onde meus pais arrancaron a súa vida: meus irmáns naceron en Lugo, pero viviron a súa primeira infancia en Fisterra, porque alí eran meus pais mestres do patronato [hoxe colexio Nosa Señora do Carme]. Eu aínda non estaba entre eles, pero pareceume bonito empezar nese lugar, traerlle recordos daqueles tempos. Merqueilles un barquiño de madeira, feito a man, para que teñan na alacena. En Fisterra foron os comezos da súa vida marital e cando colguei a miña foto recibín mensaxes de xente que os coñecía de entón. De aí seguimos para abaixo: temos pendente a Mariña lucense, pero tal e como está a situación era un risco.

Máis de preto 

Que imaxe leva de Fisterra? Preciosa, fermosísima. Ese fin da terra arriba no faro, comemos no Semáforo... Un espectáculo, e iso que estaba o día moi ventoso. Son imaxes que non se esquecen, que a retina intenta gardar moito tempo, porque é beleza, beleza natural.

Se puidera elixir onde pasar o confinamento... Na miña terra! Non só porque houbo menos contaxios, senón porque a miña terra é a miña terra! Xa me entendes.

Que foi o primeiro que fixo logo do confinamento? Ver a familia, neste caso a familia do meu marido. Fomos a Valencia, «á terreta», tamén porque logo, máis adiantado o verán, faría alí máis calor. Estivemos quince días: «Los yayos», como di a miña nena, levaban sen vela catro meses, dende febreiro. Tocáballes. A meus pais pillounos o confinamento en Madrid, así que tocáballes aos outros avós. De Valencia, directamente para Galicia.

Un lugar único en Galicia? As Ilas Cíes, paraíso natural que temos que coidar. Alí fixen a miña «revoda» ao día seguinte, con queixo de Arzúa, pulpeira do Carballiño... Se a voda foi para inesquecible, o día seguinte tamén.

Que non pode pasar sen comer na súa terra? Empanada de millo con zamburiñas. Facíama miña avoa, que faleceu aínda non hai un ano, pero vai seguir sendo o meu prato preferido.

Marisco, carne, peixe...? Penso que marisco, pero non todo. Quédome con percebes [di que ten pendente ir a Corme], vieiras e zamburiñas.