A Festa Folk na Fin do Camiño traerá de volta a Acrusdebaixar

La Voz CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

O festival fisterrán chega á súa 21.ª edición: será o terceiro sábado de agosto, con media ducia de grupos

18 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación Anchoa, histórica da comarca fisterrá, suma 21 anos de traballo para a Festa Folk na Fin do Camiño, que precisamente vai para esa edición: sábado 19 de agosto. Presentárona o pasado sábado a e fixérono con «aires renovados», en tanto que os máis novos colleron o relevo dos veteranos —que seguen asesorando— para impulsar un festa folk «que levan no sangue»: «De non ser por eles, hoxe non estariamos presentando esta nova edición», indicaron dende a entidade.

Un dos grandes reclamos da xornada será o rencontro de Acrusdebaixar, «os da casa», que deron un «si rotundo» ante a proposta. Levan meses ensaiando, algo que a organización agradece, por ese esforzo de volver xuntar aos membros e retomar ensaios logo de tantos anos. Eles traerán de noite boa parte da emoción dun programa que arrincará ás 13.00 horas co grupo de gaitas Fumes do Cal da Ameixenda (Cee) e a charanga Tripulasión de Fisterra. Das 18.00 en adiante os nenos terán xogos, inchables e festa da escuma, e mesmo algunha opción participativa cos adultos. O festival folk propiamente dito botará a andar ás 21.00 horas.

Primeiro, Acrusdebaixar. Logo, Óscar Ibáñez & Tribo, agrupación de músicos galegos con ampla variedade de instrumentos: traen consigo una viaxe sonora pola música tradicional, pero a base de orixinalidade e creatividade. Máis tarde chegarán as Fillas de Cassandra, co seu primeiro disco, Acrópole. Seguirá avanzando a noite con Ruxe Ruxe, «os rockeiros do país», con novo traballo tamén (Unha noite no interior dunha faísca), e rematará a velada con Recambios Tucho: pilas cargadas e cancións «recauchutadas».

A organización terá na festa cantina propia, con comida e bebida mediante o sistema de tiques. A aposta polo medioambiente mantense, facendo obrigatorio nesta edición o vaso ecolóxico. Agradece a entidade A Anchoa a colaboradores, casas comerciais, Deputación e Concello, sobre todo ao seu departamento de Cultura.