Un século de desenvolvemento grazas á confraría de Fisterra

XUSTO LÓPEZ CARRIL

FISTERRA

O actual patrón maior, Xosé Manuel Martínez Escarís, Manolete
O actual patrón maior, Xosé Manuel Martínez Escarís, Manolete BASILIO BELLO

Para Juan Domínguez, O Canario, amigo eterno e oceánico

09 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando a fotógrafa Ruth Matilda Anderson desembarca en Fisterra, no outono de 1924, o pósito xa ten un ano de existencia. A estadounidense, impresionada pola miseria endémica e a elevada mortalidade infantil, deixa testemuña desa precaria situación e escribe: «Correteaban os rapaces escuálidos, cos ósos do corpo marcados a través da pel». Esa paisaxe social e un grupo de visionarios confluíron para a botadura da primeira confraría da Costa da Morte. A fundación oficial coincide nun breve espazo de cinco meses coa constitución dos pósitos de Barallobre, Celeiro e Burela; e seis anos despois da instauración da de Cambados; a máis lonxeva de España. Daquela, Fisterra sitúase á vangarda creando unha entidade para paliar as penurias dos mariñeiros e aliviar as condicións laborais do colectivo. Non había pagas de ningún tipo, nin socorro aos doentes, nin axudas ás viúvas e orfos dos náufragos. A confraría pretendía a explotación das riquezas do mar, reemprazar a vela polo motor, fomentar a cooperación en vez do individualismo e mellorar a comercialización; pero non existía porto de refuxio nin espigón para protexer as embarcacións. Amarraban en Corcubión e os mariñeiros volvían camiñando. E ao día seguinte, regreso a Corcubión. A estrada que une estas dúas localidades data de 1927. Ata ese momento todo transporte efectuábase a pé, a cabalo ou por mar.

As orixes

A confraría da Nosa Señora das Areas comeza a navegar no océano da historia o 7 de setembro de 1923; véspera das festas do Carmen, a mesma data do maior naufraxio da historia da Costa da Morte. Nesa dramática xornada de 1870, o buque Captain, orgullo da mariña británica, converteuse no Titanic militar. Morreron alí máis ingleses que en toda a batalla de Trafalgar: 472 tripulantes. Ata a praia da Ribeira chegaron 18 sobreviventes despois de bogar máis de 12 horas. Noutra simetría do destino e no derradeiro mes de 1923 nace no faro do cabo Vilán Manuel Ferrol, o autor da fotografía máis icónica da diáspora: dous fisterráns, pai e fillo, despedíndose amargamente no peirao da Coruña. En 1923 arredor de trinta fisterráns, máis da metade mulleres, toman o camiño de Bos Aires.

O primeiro patrón maior foi o doutor Francisco Esmorís Recamán, orixinario de Corcubión. Ocupou o cargo entre 1923 e 1934, recuncando en 1952. O seu pai era secretario municipal e propietario dunha fábrica de salgadura en Fisterra e o seu tío, foi o práctico do porto de La Habana, o popular Francisco Recamán, don Pancho. Tamén médico e natural de Corcubión era o primeiro tesoureiro, Desiderio Paz Figueroa, don Emerito, o principal impulsor das comparsas do entroido. Na acta fundacional da corporación figura como primeiro secretario Federico Ávila, alcalde de Fisterra, mestre, ourensán de Viana do Bolo, onde naceu e morreu. Francisco Esmorís dedicou os seus esforzos á consecución dun porto de refuxio para Fisterra. Logo de múltiples artigos e peticións sería en 1941 cando se construirían os primeiros 100 metros de peirao. En 1964 preséntase un boceto de prolongación do dique, operación repetida en 1982 e 1986.

A eclosión. Avante toda!

Despois do remate da Segunda Guerra Mundial e ata mediados do 60, a pesca en Fisterra transita por un despegue económico, polo descubrimento de novos bancos e especies e por un mercado en expansión. Do 1965 data o deseño de construción dunha nave para descarga e clasificación do peixe e do ano 1970 o proxecto para creación das chabolas; onde gardan os seus útiles de pesca os mariñeiros. No 1955 rexístrase unha alza nos prezos do peixe e do marisco. Pouco despois atraca o desenvolvemento tecnolóxico: a sonda (1968), o radar de aire (1970) e o halador do palangre (1972). Os anos de esplendor serían os dos 70 e 80, con máis de 60 embarcacións fondeadas, algunhas delas de máis de 50 toneladas.

Tres episodios

Autoestrada invisible do mar e crises do Cason e do Prestige. Nestes tres episodios o pósito de Fisterra ocupou un papel determinante e capital. Na negociación do dispositivo de tráfico marítimo, un fito histórico que salvaría milleiros de vidas, os patróns maiores Xoán Domínguez, O Canario, e Manuel Buján participaron en todo o proceso xunto coa confraría de Muxía e baixo a coordinación da Asociación Española de Titulados Náutico Pesqueros (AETINAPE). Na crise do mercante Cason, en decembro de 1987, o patrón maior era José Insua López, José do Cullú. Insua non abandonou Fisterra naqueles seis días decisivos que conmocionaron á comarca. Ocupou o cargo entre 1986 e 1990. Foi un patriarca que tocou todos os paus do flamenco do mar, unido a unha pila de barcos como O Glorioso San Bartolomé, o Gaviota ou o 9 Hermanos.

O actual patrón maior é Xosé Manuel Martínez Escarís, Manolete. Cando o Prestige lanza o sinal de socorro, só levaba un mes no cargo. A deriva daquel petroleiro foi o seu bautismo institucional. Manolete accede a dirixir a confraría con 38 anos. Baixo o seu mandato, o pósito asume a modernización de servizos. Se o século XXI principia no mundo co espectáculo das Torres Xemelgas ardendo, en Fisterra comeza cando a confraría asume a xestión da lonxa no 2005 e inaugura as instalacións para disfrute dos turistas. A confraría de Fisterra tivo 16 patróns maiores. Catro viven: Ramón Fernández López, Ramón Rivas Traba, Antonio Vilar Ramos e Manolete. O resto vai no fondo. Cen anos dan para moito e todos os patróns maiores deixaron a súa pegada, pero sería inxusto esquecer o activo diferencial da entidade; o factor humano: os mariñeiros, mariscadores, produtores ou armadores; os referentes, os líderes. Coma o Lorchiño, que armou algúns dos barcos de maior tamaño; os Cacháns, o Jueso, memorioso e de firme carácter; Modesto do Xanuario, o pai do Canario, quen identificaba os cascos dos barcos afundidos por intuición, sen técnica algunha; Juan do Cullú, Agustín Traba, Chilín; Pepe de Olegario de Sardiñeiro, Manolo de Raúl, Os Jalados, Manolo e José. Patróns coma o Cocón, foi o primeiro en ser subastado entre os armadores pola súa categoría (xa tiña cláusula de rescisión na súa época igual que as figuras de fútbol de hoxe en día); O Ferreiro, que gobernou no Santo Cristo, o temón do maior buque de madeira da época; o Minero, os Jaimes ... Todos eles configuran a rede das grandes sagas do Macondo da fin do mundo; as estirpes condenadas a navegar durante cen anos atravesando unha soedade sen fin para descubrir mares anónimos.

Eles conquistaron e dominaron as augas e os baixos do Monís, o Profundo, o Jurjullo, o Berrón, o Muñeco, a Marica, o Canto do Norte, hoxe chamado Pozo da Nave, o Canto do Sur, hoxe Pozo da Primeira, as Charleiras, o Centolo, As Pardas, Arnela, Punta Robaleira, Ferretes, Mar de Area, As Lobeiras, A Roda, O Baixo de Cousieiro, e desde alí a Praia Nova, ao Banco de Galicia, ao Gran Sol e ao resto dos sete mares. Finalmente, a confraría foi o mascarón de proa dunha vila que se define pola pesca, máis alá do Camiño e do turismo, foi o babor e o estribor do progreso económico e social do concello, un gremio que resistiu os temporais adaptándose a cada época, un sinal de identidade que contribuíu a estabilidade social, un faro contra a inseguridade laboral, acollendo aos inmigrantes senegaleses. A confraría forma parte esencial do edificio colectivo fisterrán e costamorteiro. Se cadra dentro de cen anos a escuma salgada invadirá a Langosteira, Mar de Fóra, o Rostro; o Ara Solis; mollará a imaxe do santo Cristo; a escuma salpicará a Intelixencia Artificial que administrará a lonxa ou humedecerá as fotos de Ruth Matilda Anderson e estas páxinas que xa estarán murchas, sepias ou marelas. Daquela nós só seremos memoria azul dos seres que nos amaron.