Todo final é un principio

RODRIGO COSTOYA

FISTERRA

VÍCTOR HUGO

En primeira persoa | Escribe Rodrigo Costoya | Non contaba con atopar un edén após do ermo, e moito menos en forma de hotel literario

04 feb 2024 . Actualizado a las 10:41 h.

O comezo de todo atopeino en Fisterra.

Cheguei alí por vez primeira seguindo o Camiño. A miña peregrinaxe inicial, que empezara en Roncesvalles sete meses atrás, rematara ao cabo de trinta días en Compostela. Ou iso coidaba eu. Tras medio ano varado, decidín continuar. Era a pascua de 2002.

Dixéranme que o camiño seguía cara ao solpor. Que chegaba á fin do mundo.

Foi o primeiro espertar. Non só descubrín a senda iniciática que se remonta ao rito ancestral da Ara Solis; tamén atopei algo que millóns de camiñantes procuraron ao longo dos séculos: un chisco de comprensión sobre a lóxica inabarcable que rexe a eternidade. Unha introspección lúcida. Un abrente no solpor.

Dende entón fixen outros vinte e nove camiños, pero esa é outra historia.

A vida seguiu adiante, chea de luz e labirintos, e á fin, moitos anos máis tarde volvín a Fisterra. Esa vez, sen agardalo, atopei un oasis á fin doutro vieiro solitario: o que supón materializar en papel as historias e os soños que habitan no maxín. Daquela xa publicara dúas novelas, e comezaba a ver portelas onde só houbera valados. Non contaba con atopar un edén após do ermo, e moito menos que sería en forma de hotel literario.

Os paraísos, ao igual que os infernos, só existen se viaxan dentro de nós; pero hai lugares capaces de facelos agromar. Coma este ao que me refiro, no que a arte e a cultura se poden ver e respirar. Alí aboia no ar a man sabia de Antón Castro, o gran intelectual muxián, e voan os corvos que aloumiña Modesto Fraga. Soa ao compás das ondas a Galicia musicada de Bieito Romero e escintila a mirada distinta dos arquitectos Creus e Carrasco. Alí vive a voz de Yolanda Castaño con recendo a baixamar, e acubíllanse as arelas de tantos outros. Todos capitaneados por Pepe e Sandra, fareiros insomnes para almas desnortadas.

A sabedoría dos que contribuíron a crear ese espazo máxico que chamamos Bela Fisterra.

Rodrigo Costoya, coa súa obra «Misarela»
Rodrigo Costoya, coa súa obra «Misarela» PACO RODRÍGUEZ

Literatura e mar conviven nos seus cuartos, pero é a súa xente a que o enche de vida. Porque un hotel adoita ser un refuxio contra a intemperie, pero pode ser moito máis (e non só por ser pet-friendly, ou ecosostible, que tamén). Pode ser tamén punto de encontro para os que cren na capacidade salvadora da beleza. Un eco da memoria que nos guía entre a brétema. Un relampo de esperanza para os que combaten a calixe cun libro entre as mans.

Aínda rabeleaba a pandemia cando petei á súa porta.

Comezaba unha xeira intensa que me levou a presentar toda a miña obra literaria no Bela, e que o 2 de marzo vai continuar. Ese día lanzaremos alí a miña cuarta novela, nun evento festivo no que haberá literatura, viño e moita ledicia por compartir. Coma sempre, falaremos dos anacos perdidos da nosa historia. E coma sempre, tamén, riremos e celebraremos polo que a vida nos regala.

Todo isto é parte do que supón arribar a Fisterra a través do Bela. Pero hai moito máis.

Tamén agardan outros paraísos, coma a bibliotaberna A Galería, do inefable Roberto Traba Velay, ou o Museo da Pesca, onde o insigne poeta Alexandre Nerium se transforma en Manolo, un mariñeiro de estirpe milenaria, para regalarnos un compendio maxistral de etnografía, antropoloxía e etimoloxía sobor da xente do mar e os seus traballos, en franca rebeldía contra a extinción. Un discurso atronador, que só alguén da súa sensibilidade podería transmitir coma el: con xesto amable e voz pausada, e con tanto sentimento que arrinca bágoas de emoción. Salgadas, coma a auga do mar de Fisterra. Coma o salitre que leva na pel.

Vémonos no Bela, se non antes, o día 2 de marzo.

Disque aquilo é a fin do mundo, mais tamén pode ser o principio de todo.

dni.

Rodrigo Costoya (1977). Escribe novela histórica en galego e aprende dos seus alumnos no instituto Rosalía de Castro, en Compostela. A súa primeira obra, «Portosanto», recrea a vida dun meniño bastardo destinado a cambiar o mundo para sempre. Coa segunda, «Misarela», gañou o Certame Internacional de Novela Histórica de Úbeda en 2020 (publicada en castelán como «El custodio de los libros») e quedou finalista no Premio de Novela Torrente Ballester. A terceira, «Hijos de Gael», saíu publicada en castelán na editorial Espasa (Grupo Planeta, 2022). A súa cuarta novela, «La última reliquia», botará a andar no Hotel Literario Bela Fisterra o vindeiro sábado 2 de marzo, a mediodía. Haberá viño, petiscos, música e literatura. «Apuntade a data, xentes da Costa. Vai ser unha gran festa para a cultura da nosa terra. Libre e de balde. Vémonos alí», convida o autor.