


















As xuntas locais contra o cancro de Coristanco e Carballo programaron saídas para hoxe, domingo
06 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.«Seguimos adiante, contra chuvia e vento», comentaba onte Noelia Barreiro, directora do centro de recursos de Íntegro, un pouco antes do arranque da andaina solidaria Por un millón de pasos. A iniciativa, na súa primeira edición, recadaba fondos para as persoas con diversidade, e a acollida foi total, polo que se augura que haberá unha segunda: «Non dou crédito. Nesta última semana, xa con previsión de choiva, inscribíronse cen persoas». Chegaron a unha cifra de 300, cun donativo por cabeza de 5 euros que daba dereito a unha camiseta e a unha viaxe en tren turístico. Cunha participación interxeracional, camiñaron dende a Praza do Pendón de Cabana ata a Praza do Recheo de Ponteceso, uns 4,5 quilómetros logo dos que gozarían dun concerto a cargo do grupo Versión Imposible.

Cee, Corcubión e Dumbría, doutro lado, e baixo a coordinación da xunta local contra o cancro, tamén se uniron onte noutra andaina solidaria. Era asemade unha primeira edición, e nela tomaron parte case 70 persoas. Marcharon 5 quilómetros por Cee e Corcubión, sen serlles preciso abrir o paraugas. «Sorprendentemente», o tempo aguantou. Agradeceu a xunta local aos asistentes, e a Policía e Protección Civil polo dispositivo de seguridade. Margarita Lamela, alcaldesa de Cee, e o seu homólogo corcubionés, Xabier Domínguez, ofreceron igualmente palabras de parabéns.
Andainas, hoxe, en Carballo e Coristanco
Seguirá hoxe a solidariedade contra o cancro na comarca, coas andainas promovidas polas xuntas locais de Carballo e de Coristanco. Será esta última a máis madrugadora, con saída ás 10.00 dende a Praza do Concello. A de Carballo sairá ás 11.00, tamén dende a Praza. En ambos casos procuran fondos para a investigación.