Luces de Nadal

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

FISTERRA

BASILIO BELLO

27 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Creo que nunca vin tantas luces de Nadal no exterior das casas coma este ano. Xa sei que é difícil comparar porque iso exixiría percorrer todos os lugares de todas as parroquias, e iso é inviable, así que só podo falar das miñas conclussións en bastantes estradas de Bergantiños e Soneira, e algo menos de Fisterra, nas últimas semanas. E hai viviendas que impresionan, parecen parques temáticos luminosos polo elaborado (e caro) e a complexa instalación. Como un xa vai vello, ten que acudir a esa frase que vale para case todo: isto antes non pasaba. Xa bastante era poñer unhas cintas con bombillas por fóra, e punto. Lembro que xa hai bastantes anos, unha casa de Centiña (San Paio, Coristanco) colocara uns alumeados moi chamativos, e eramos moitos os que parabamos a vela, do asombro que daba. Agora, por haber, ata hai grupos de viviendas que se xuntan para crear marabillas, e non falo só de Brandomil. O caso da marquesina de Cerdeira, en Montemaior, está sendo un centro de peregrinaxe de coches. Por citar dous exemplos, vaia. En definitiva: cada vez máis e mellor. Non só en Vigo hai luces coma estrelas, nin no ceo cos satélites de Musk.

Contrasta iso coa mecanización con pouca alma dalgún concello, con eses conos que se repiten en todas partes, diría que en todo o país. Nos xardíns municipais hai magníficos exemplares (pinos, abetos, cedros...) que están chamando por seren decorados á maneira tradicional. Catro cintas, vinte leds, e xa chegaba. Aínda que non sexa tan céntrico, pero aos barrios tamén lle gustan estas cousas. Seguro que para o ano que vén xa o fan. Seguro, si.