Balóns a Corveiro: Aquel Fisterra que pisou por primeira vez a Terceira División

Gabriel Riveiro

FISTERRA

Archivo persoal de cachuso

Un equipo inesquecible no municipio que visitou Riazor, Balaídos, O Couto, Anxo Carro, A Lomba...

05 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Arrincará a tempada 1979/80 coa incorporación novamente dun José de Ventanas que xa dirixira ao equipo na final de Outes e coa presenza de varios mozos que pouco a pouco ían gañando minutos no plantel como José Antonio Olveira, Carlos do Atroz e Rafa Bouzas, cos que xa contara Manolín anteriormente.

A característica principal desta liga viría determinada pola reestruturación da categoría, sendo posible o ascenso á nova Terceira División dos dez primeiros clasificados. Debido á enorme igualdade, serían fundamentais os encontros das dúas últimas xornadas.

Na penúltima visitaba o Ara Solis un Caselas que ocupaba o ansiado décimo posto cun punto de vantaxe sobre os fisterráns. A resposta do equipo foi extraordinaria e resolverían aquela contenda cunha nova goleada (7-1) que os situaba en postos de ascenso. O derradeiro asalto tería lugar en Pontevedra fronte ao Atlético Pontevedrés e os de José, que dependían de si mesmos, non fallaron. Aquela tarde na cidade do Lérez o equipo impúxose con claridade por cero goles a tres con tantos de Paco, Chucho e Manoliño, facendo realidade unha fazaña inimaxinable para calquera club costeiro. Tan só un xigante como o C.F. Noia, que daquela figuraba no grupo de clubs costeiros, fora quen de chegar tan lonxe.

Esta xesta marcará un antes e un despois no fútbol da Costa da Morte e a maneira en como se acadou ficará para sempre nos anais da historia futbolística de Fisterra. Unha entidade fundadora da Liga da Costa, un equipo de mariñeiros case sempre falto de recursos pero cun enorme amor propio e un inesgotable talento natural que demostraba, xeración tras xeración, a súa entrega total buscando o triunfo. Tratábase da consumación dunha idea romántica na que uns mozos dun afastado lugar, repletos de talento e ilusión, debidamente organizados e apoiados incondicionalmente pola súa xente, foron quen de situar no medio e medio do mapa galego aquel escudo deseñado había xa moitos anos no seo dunha humilde zapatería da rúa Real.

O Fisterra na Terceira División

O 7 de setembro de 1980 a S.D. Fisterra debuta na categoría galega no campo do C.J. Cambados. Aquela tarde caerán derrotados por tres goles a un, mais non tardarían en collerlle o pulso á esixente competición.

As principais incorporacións foron a do porteiro santiagués Castromil, a de Manel Lojo de Corcubión e a dos xuvenís Veneno, Ángel de Ventanas (irmán de José, Juan Ángel e Chucho) e Andrés, un rapaz de apenas dezasete anos, fillo do mítico Negro. Con estas incorporacións sumadas ás de anos precedentes e contando con figuras xa máis ca contrastadas, volvíase presentar un equipo de grandes garantías á altura da competición onde a calidade e xuventude global erixiríanse unha vez máis como grandes características.

,

Calquera dos protagonistas que viviron esta época destaca hoxe o que supuxo para eles o feito de pasar de xogar nos campos da Liga da Costa a facelo, en apenas tres anos, nos mellores estadios de Galicia: Riazor, Balaídos, Anxo Carro, o Couto, a Lomba... Todos concordan en que non formaban parte dun club ó uso da Terceira División. Continuaban sendo na súa maioría un grupo de amigos que gozaban do fútbol vivindo anécdotas únicas como aquela na que acabaron de festa na Coruña a bordo do Seat 127 do Mañón co aparatoso trofeo Carrumeiro ocupando un dos asentos. Ou aquela outra na que Ayala, despois dunha ausencia prolongada nunha marea ó bacallau, esixiulle a Loncho unha suculenta caldeirada de sopa como única e innegociable condición para volver fichar. Manxar que o dianteiro degustaría días despois no Bar Finisterre rodeado dos seus compañeiros.

No aspecto deportivo o club rematou esa primeira tempada nun máis ca honroso décimo terceiro lugar despois de acadar grandes fazañas como a de empatar en Riazor contra o Fabril e contra o Lugo no Ara Solis (0-0), ou as de vencer como local ao propio Fabril (2-0) e ao Gran Peña (2-1). Un ano excepcional dun plantel cun gran olfacto goleador que recaía sobre todo nas botas de Paco, Joseíño, Ayala, Chucho e Amigo. Igual de extraordinaria foi a resposta da sempre fiel e afección que, coa peña O Centolo á fronte, facía de cada domingo de partido unha xornada festiva.