Só tres días para un reto: escribir seis novelas eróticas nun retiro en Fisterra

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

Pilar Astray, escritora e tamén actriz, durante a representación de «Prostíbulo poético» na sala Equis de Madrid, proxecto no que traballa agora mesmo.
Pilar Astray, escritora e tamén actriz, durante a representación de «Prostíbulo poético» na sala Equis de Madrid, proxecto no que traballa agora mesmo.

Seis autores, tres mulleres e tres homes, escribirán entre venres e domingo cadansúa obra, no hotel literario Bela Fisterra. Todas elas deberán estar ambientadas na fin do mundo. É a primeira vez que se fai algo así 

07 feb 2025 . Actualizado a las 00:19 h.

A Fisterra, ese territorio principio e fin ao que lle teñen escrito autores e autoras do mundo, a literatura vénlle de vello. Pero o previsto para este 7, 8 e 9 de febreiro sáese moito do habitual. Será un «experimento creativo social e artístico», unha edición «beta», un proxecto piloto, aínda que con tal acollida que xa valoran vindeiras edicións. Polo de pronto, o grupo de participantes está pechado. «Que yo sepa no existe hasta la fecha algo así, un retiro de novela erótica», explica Pilar Astray, escritora e ideóloga de Eros en Fisterra, este proxecto que terá como epicentro o activo e multiplemente premiado hotel Bela Fisterra, o primeiro hotel literario de Galicia, aos mandos de Pepe Formoso.

Nesta convocatoria que impulsan o espazo cultural e produtora audiovisual Mundos Flotantes xunto coa tamén produtora de eventos e editorial Meigatura, media ducia de escritores galegos —ou filla de emigrante galega como é Pilar Astray—, terán o reto de escribir unha novela erótica curta en tres días. Case que dous, en realidade. Cada un a súa, e todas elas ambientadas na localidade. O resultado publicarase a xeito de antoloxía.

«Será como un Gran Hermano literario», ilustra Astray. Ela mesma enfrontarase ao reto, ademais de Rodrigo Costoya, Roberto Cagiao, Iago Fandiño, Sandra Rego e María Nieto. Tres xornadas de convivencia ás que este «grupo de amigos» chegarán en igualdade de condicións. Para que ninguén leve nada escrito, e antes de comezar a darlle o maxín, terán alí tres caixas, unha con escenarios, outra con obxectos que terán que facer protagonistas dos textos e unha terceira con xéneros: «No es lo mismo una novela erótica negra, que de fantasía, romántica...».

Venres e sábado, con paradas para almorzo, comida ou cea, serán os días de creación, mais o domingo ás 12.30 todo deberá estar xa listo. A esa hora, e ante o público que se achegue, e que votará por aquela que crea mellor, cada autor terá 15 minutos para presentar, cos recursos que desexe, o texto ao que deu vida. A modo pitching.

«Vamos a hacer literatura, pero también a manosear la tierra, las raíces, a reivindicar lo erótico —que non pornográfico— y a extenderlo a todo lo sensitivo, a encontrarlo en la gastronomía, en el paisaje, y en cómo ruge el Atlántico cuando sabe que el mundo allí se acaba porque el resto ya no alcanza», trasladou Astray, tamén coñecida como Boadicea, poeta escénica e actriz. «Los retiros literarios de Mundos Flotantes y Meigatura, con sus respectivos retos, no han hecho más que empezar», avanzaron tamén.

O hotel literario Bela Fisterra
O hotel literario Bela Fisterra PEPE FORMOSO

Nas últimas horas recibiu un bo número de chamadas, interese para vindeiros encontros. Deste extraerán conclusións e o reto de cara aos seguintes é ampliar convocatoria ao conxunto do Estado ou mesmo buscar patrocinios e apoio institucional para engrandecer o proxecto. En Mundos Flotantes manteñen forte o cordón umbilical con Galicia, habituais colaboradoes, por exemplo, coa Fundación Novoneyra. Escritura, mar, liberdade: todo iso terá Eros en Fisterra, que afianza así o elo da Costa da Morte coa literatura erótica. Dende Malpica, a editorial Caldeirón leva 19 anos promovendo un certame, Illas Sisargas: neste caso de poesía.