Un tesouro a preservar

Gabriel Riveiro

FISTERRA

Gabriel, estes días en Fisterra, cun mural ao fondo que retrata a seu avó, Manuel López, Planchete
Gabriel, estes días en Fisterra, cun mural ao fondo que retrata a seu avó, Manuel López, Planchete ANA GARCIA

En primeira persoa | Escribe Gabriel Riveiro, Bebeto | Resumiuno nunha soa frase un amigo meu: «Fisterra, a diferenza doutras vilas, aínda conserva a alma»

09 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa un tempo, nunha das moitas e moi gratas visitas que acostumo facerlle na súa casa, escoiteille pronunciar a un amigo unha frase que me chamou especialmente a atención e decidín almacenala na memoria para, co seu permiso, empregala cando a situación o requirise. Xa o fixen unhas cantas veces.

Nas visitas á casa do meu amigo as conversas orbitan case sempre arredor dun mesmo tema central: Fisterra, a súa historia e as súas xentes. Nesa ocasión, comentabamos divertidos a peculiar maneira de ser e de comportarnos que os fisterráns e fisterrás tivemos dende vello ó longo de moitas xeracións, e que aínda hoxe nos caracteriza.

Eu explicaba como me sorprendía o feito de que nestes tempos que corren, onde os costumes seculares das vilas son triturados sen piedade por un novo mundo tan tecnolóxico que comeza a asustar, aínda poidamos descubrir no comportamento dos fisterráns certos elementos comúns que demostran que aínda existimos como pobo.

Tras escoitarme pacientemente e despois de rirnos con algúns exemplos simpáticos que evidencian ese carácter tan noso, este amigo foi quen de resumir nunha soa frase todo o que eu, dunha maneira un tanto errática, intentaba expresar: «Fisterra, a diferenza doutras vilas, aínda conserva a alma».

É certo. Basta con botar unha ollada ó noso arredor para darnos conta de que a sociedade está mudando vertixinosamente e de que aqueles hábitos que permaneceron inmutables durante séculos, de súpeto, desaparecen ou atópanse en serio risco de extinción. Isto traerá consecuencias. A historia da Costa da Morte é unha historia marcada polo illamento xeográfico e, queirámolo ou non, este presente tan tecnolóxico e globalizado está a transformar, pouco a pouco, pero para sempre, a nosa maneira de ser e de relacionarnos.

Un proceso irreversible

Non fai falta ser un experto analista para percibir que estamos ante un proceso irreversible e que unha das desvantaxes deste novo modelo de vida (tamén existen vantaxes, por suposto) é que de aquí a uns anos a identidade da nosa contorna, esa identidade tan rica en peculiaridades e matices, correrá o risco de caer na desmemoria e no esquecemento. Din que estamos ante o fin dunha era. Pode ser.

Quizais por iso, polo feito de vivir nunha época tan nova e desconcertante, sempre habitou en min esta especial atracción polas costumes e polas vidas daqueles que nos precederon.

Non hai moito lin nun libro marabilloso de Jesús Toral que a nosa existencia non é máis ca unha paisaxe que se afasta. Esta fermosa metáfora encerra o principal motivo que me levou, hai sete anos xa, a sentarme coas persoas de máis idade para que me falaran das súas vidas e da súa vinculación co fútbol fisterrán, un dos símbolos de maior arraigamento e identidade veciñal.

E se, como escribiu Toral, a nosa existencia non é máis ca unha paisaxe que se afasta, a miña ilusión non é outra que xogar a poñerlle paus ás rodas do tempo para retrasar a chegada do esquecemento.

ANA GARCÍA

O pasado mes de decembro viu a luz o meu libro: Balóns a Corveiro, historia e contra historia do fútbol fisterrán. Nas súas páxinas recóllense boa parte dos testemuños orais de ducias de protagonistas cos que tiven o pracer de conversar. As súas lembranzas son a parte máis importante deste traballo e o maior dos tesouros que levarei comigo para sempre. Sen elas, este libro non tería sentido.

A súa elaboración foi un proceso tan emocionante coma esgotador. Houbo momentos nos que cheguei a cuestionarme se tanto esforzo valía a pena. Vivimos nun mundo onde só ten valor o inmediato, a quen lle ía interesar unha historia tan do pasado e tan localista? Por sorte, e con axuda, fun quen de sobrepoñerme a estas dúbidas. Hoxe síntome agradecido e orgulloso de chegar ata o final e a resposta da xente reafirma a miña crenza na importancia de loitar pola preservación da memoria nas nosas vilas.

Hai uns días, ó remate dunha das presentacións, unha persoa allea a Fisterra achegouse para felicitarme polo resultado do traballo. Sentinme eloxiado, tratábase de alguén con moita máis experiencia ca min neste ámbito da historia. Durante os escasos minutos que durou a charla comentoume tamén que intuía o gratificante que tivo que ser para min poder entrevistarme cos protagonistas e rematou confesando que sentía certa envexa sa polo interese e respaldo que os fisterráns mostraban con esta e con outras moitas iniciativas locais, un interese e un respaldo que por desgraza el xa non percibía na súa terra e que pon de manifesto o sentimento de pertenza que nós mantemos coma pobo. Mentres o escoitaba, non puiden máis que acordarme do meu amigo e, entendendo perfectamente o que intentaba expresar, comentei: «É que en Fisterra, a diferenza doutras vilas, aínda conservamos a alma».

Quen é

Gabriel Riveiro López, por todos coñecido como Bebeto, xogou nada menos que once tempadas no Ara Solis e foi un dos impulsores da entidade Rapacollóns. Vén de publicar, como relata neste texto, o libro Balóns a Corveiro, historia e contra historia do fútbol fisterrán. Tal e como el comentaba nunha entrevista recente, non hai día no que non teña ao Fisterra na cabeza. Gabriel naceu en Fisterra no ano 1983 e é Enxeñeiro Técnico Industrial pola Universidade da Coruña.