
Catro actividades están programadas hoxe para a terceira e derradeira xornada do festival na fin do mundo
29 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Na fin do mundo queda hoxe por diante a terceira e derradeira xornada do Fisterra Experience, un festival que leva a sostibilidade por bandeira. Artistas da talla de Baiuca ou Mondra xa animaron a vila dende o venres. Hoxe serán catro as actividades dende pola mañá e ata a tarde.
Ás doce do mediodía, a actriz Marta Lado e o escritor Modesto Fraga repasarán as historias literarias e populares da localidade. Farano no escenario atlántico, isto é, no lugar de San Roque. A esa mesma hora, a Brass Atlantic Band protagonizará un pasarrúas. É unha formación galega de instrumentos de vento e percusión, en cuxo repertorio se aprecian estilos tan dispares como swing, blues, jazz, soul ou funk.

Xa ás 13.30 horas, de novo, no escenario atlántico, será o momento de Andhrea and The Black Cats, un quinteto de blues que reinterpreta clásicos dos anos corenta e cincuenta. Componse de voz, guitarra, harmónicas, batería e tuba.
Nos Semáforo de Fisterra, a partir das cinco da tarde, porá o broche o DJ Manolo Vilouta. Leva dende os oitenta amenizando os locais de Compostela. Música negra, house, funky, disco e afro son as súas apostas.

Gozo
O tempo acompañou e a xente gozou o dobre dende os primeiros compases. Algo característico desta proposta cultural son os concertos a bordo de Cruceros Fisterra, unha experiencia que permite mesturar aínda máis o espectáculo musical co natural. Onte correu a cargo de Sabela and The Heartbreakers.