O centro de saúde de Fisterra

Áurea Domínguez Sisto TRIBUNA ABERTA

FISTERRA

ANA GARCÍA

24 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas últimas datas, transcenderon informacións sobre o suposto desbloqueo do proxecto para a construción do novo centro de saúde de Fisterra, promovido dende o Parlamento a instancias do deputado do BNG, Óscar Insua, e da portavoz de Sanidade do PP, Encarna Amigo. A iniciativa, que insta á Xunta á edificación do centro unha vez que o Concello aporte os terreos, foi presentada ante como un avance decisivo para o municipio.

É necesario achegar claridade e rigor ao debate. A realidade é que o compromiso de construír o novo centro xa fora adquirido polo conselleiro de Sanidade e ratificado polo presidente da Xunta, en contactos institucionais mantidos coa excalcaldesa Áurea Domínguez. Este non é un desbloqueo. Trátase, máis ben, da reiteración dun acordo xa existente. Ademais, existe unha cuestión técnica de fondo, descoñecida polos promotores desta nova iniciativa parlamentaria: o equipo de goberno da exalcaldesa atopouse con que a parcela en cuestión carecía de título habilitante para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade, presentaba problemas de delimitación catastral e contiña na súa delimitación o terreo ocupado pola estación de bombeo municipal de augas residuais. Ante esta realidade, o anterior equipo de goberno impulsou os trámites de regularización catastral da parcela para obter un título válido e proceder á súa inscrición, condicións imprescindibles para que a cesión ao Sergas sexa aceptada pola Administración autonómica.

Resulta, por tanto, non axustado á realidade presentar como novidade unha xestión que leva tempo iniciada e que depende, en boa medida, da resolución de cuestións técnicas e xurídicas en trámite de resolución. Na miña opinión, a política debe servir ao interese público e non aos partidistas dos partidos. A responsabilidade institucional e a cooperación leal entre Administracións resultan imprescindibles para o progreso do noso municipio. Só así, sumando esforzos e sendo rigorosos na xestión lograremos avanzar en proxectos fundamentais para a veciñanza. Non podo evitar mostrar a miña sorpresa ante titulares que recollen falsos logros ou actuacións baleiras de novo contido sen mellorar un ápice o xa previamente conseguido. Cabe pensar que todo iso sexa una forma máis de silenciar actuacións previamente realizadas e acordos xa adquiridos pola anterior alcaldesa.