O «acordo programático para a gobernabilidade do Concello de Fisterra»

Áurea Domínguez Sisto ALTERNATIVA DOS VECIÑOS FISTERRA

FISTERRA

15 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de reiteradas peticións da exalcaldesa ao señor alcalde Luís Insua de que dese a coñecer o pacto da moción de censura, nestes días, tres meses despois de presentar a moción na Secretaría do Concello, este tivo a ben facilitarlle unha copia.

O chamado «acordo programático para a gobernabilidade do Concello de Fisterra» entre o Partido Popular de Fisterra e o concelleiro tránsfuga de Alternativa dos Veciños, Francisco Martínez Traba, preséntase como un documento de «acordo de gobernabilidade», mais na práctica trátase dun instrumento de conveniencia política cuxo único obxectivo foi tomar o poder municipal a calquera prezo.

O contexto real: un goberno que funcionaba

O equipo saínte, encabezado pola alcaldesa Áurea Domínguez, estaba a exercer o seu labor de goberno con eficacia e resultados visibles. O Concello funcionaba, había proxectos en marcha e un clima de colaboración co tecido veciñal e asociativo. A oposición non tiña argumentos sólidos sobre ineficiencia nin irregularidades, só descontento polas ansias de poder do Partido Popular de Fisterra.

Non había unha causa obxectiva nin urxente para promover unha moción de censura. Non existía crise de gobernabilidade, abandono de funcións nin ruptura institucional que xustificase tal medida.

A moción como operación de poder

O Partido Popular, na oposición por terceiro mandato consecutivo, viu a oportunidade de recuperar a alcaldía pola porta de atrás, aproveitando o voto dun concelleiro apartado do goberno anterior por deslealdade continua e manifesta coa alcaldesa.

Non foi un movemento de diálogo nin de reconstrución municipal, senón unha estratexia de conquista: conseguir o bastón de mando a través dun acordo persoal e opaco. A base do pacto non é un proxecto común nin unha visión compartida para Fisterra. É un intercambio de conveniencias: o PP obtén a alcaldía, o tránsfuga, a relevancia política perdida e contrapartidas que finalmente non acadou por ser traicioado polos seus própios socios logo de obter estes a alcaldía e de non convocar o pleno de constitución ata que foi expulsado de Alternativa dos Veciños, polo que non pudo obter nomeamento algún dentro do novo goberno.

A contradición ética do «pacto»

O documento que asinan pretende aparentar un acordo «polo ben de Fisterra», máis está viciado de orixe. Un pacto que nace dunha moción de censura sustentada por un edil tránsfuga, é dicir, que traizoa o mandato electoral co que foi elixido, carece de lexitimidade moral e democrática.

O electorado votou Alternativa dos Veciños sabendo quen encabezaba a candidatura e cales eran as súas alianzas. Ninguén votou un concelleiro que acabaría entregando o goberno ao PP, contradicindo completamente o sentido do voto popular. Polo tanto, o pacto non é a expresión da vontade cidadá, senón a ruptura do contrato electoral.

O dano institucional

As mocións de censura baseadas no transfuguismo erosionan a confianza cidadá. Os veciños perciben que os seus votos se manipulan como moeda de cambio, que as lealdades se venden e que quen non obtén os apoios necesarios para acadar a alcaldía pode gobernar mediante acordos ocultos.

Isto é fraude democrático legalizado, creando un precedente perigoso: que calquera concelleiro díscolo poida alterar a vontade popular con só cambiar de bando.

Conclusión: un pacto sen alma nin lexitimidade

O «pacto da moción» é un texto que pretende dar aparencia de acordo institucional ao que en realidade é un acto de vinganza persoal e cálculo político. Nace do resentimento dun exconcelleiro e da ansia de poder dun PP que non aceptou o resultado das urnas. Por iso, por moito que se vista de «responsabilidade» ou «cooperación», o documento carece de credibilidade e de lexitimidade democrática.

En concreto, o pacto da moción de Fisterra, ademáis de conter uns acordos sobre actuacións que xa se viñan realizando polo anterior equipo de goberno, recolle a negativa de levar a modificación do PXOM e o PEPRICH a debate e aprobación plenaria, someténdo estes importantes documentos a un retraso inxustificado que bloqueará a súa tramitación paralizando a resolución de moitos problemas de gran importancia para o municipio. Motivo sobradamente de peso para que os mocionantes mantiveran oculto este pacto.

A verdadeira lectura do pacto é que é políticamente irresponsable. En lugar de fortalecer a gobernabilidade, xera estancamento, bloqueando proxectos fundamentais para o presente e futuro de Fisterra.

O pacto da moción non é unha solución, é unha traizón.