
Un simposio, foliadas, romarías, castro animado e visitas ao dolmen: algunhas propostas
09 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.É difícil atopar na Costa da Morte un día de verán no que non haxa algunha festa ou algunha actividade da que tirar coñecemento. Os concellos téñense implicado fondamente en ofrecer aos seus veciños, e aos visitantes, propostas do máis variado. É o caso de Cabana, que presenta para este mes de xullo unha axenda ateigada de actividades. A máis inminente, ademais do campamento de rapaces do municipio con outros de Treize Septiers (Francia) xa comezado, é a primeira edición do Simposio Internacional de Cantería Dolmen de Dombate: un concurso, conferencias e obradoiros son os tres eixos principais. Por suposto, as foliadas están moi presentes (17 de xullo no campo do Briño e Foliada Parrapeira o 25 en San Fins). Romarías como as do Carme do Briño ou Santa Mariña do Remuíño son xa imprescindibles, ademais doutras citas como o Castro Animado de Borneiro (día 31): circo, artesanía, gastronomía, música e moito máis. Na súa programación, o Concello reserva sempre un lugar destacado para o dolmen: a maiores do simposio, neste mes seguen as visitas guiadas mañá e tarde e súmanse, ademais, as nocturnas: todos os venres, de 23.00 a 00.00 horas.
Do 6 ao 13 de xullo. Intercambio xuvenil. Este pasado mércores botou a andar o intercambio-campamento xuvenil Cabana-Treize Septiers (Francia). Un bo número de rapaces asistirán a distintas actividades de man do Programa Erasmus e Xuventude en Acción. Remata o mércores.
Mañá, domingo 10 de xullo. Ruta dos Pinchos por Neaño e actuación do Coro Saint Luc Banabakintú. Mañá será unha xornada intensa. Na Praza de Neaño, a partir das 13.00 horas, actuará o grupo musical da oenegé Égueire, o Coro Saint Luc Banabakintú que tanto está animando as localidades da Costa da Morte, como parte dun proxecto de cooperación con África. O concerto complementarase cunha ruta de pinchos polos bares de Neaño, tanto á mediodía como á noite, incluíndo rutas en tren e animación musical.
15, 16 e 17 de xullo. Primeiro Simposio Internacional de Cantería Dolmen de Dombate. O Dolmen de Dombate segue sendo a base de moitas actividades organizadas no Concello de Cabana. Os días 15, 16 e 17 deste mes (venres, sábado e domingo da semana que vén) acollerá a primeira edición dun Simposio Internacional de Cantería. Organizado por parte do Concello, a cita terá como director ao escultor asturiano Christian Marne Bleilefens. El mesmo comentou onte que ata Cabana desprazaranse traballadores de Galicia, mais tamén de Extremadura, León, Navarra ou Burgos. Hai 12 prazas. Este primeiro certame terá varias partes diferenciadas: un concurso internacional de escultura en pedra (a temática é o ser humano, a súa relación co mundo natural e espiritual), conferencias e talleres participativos de acceso libre. No certame, haberá un premio especial do xurado (1.000 euros) e outro do público (600). Das conferencias encargaranse Jesús Castañón, ceramista e escultor («El arte de la cerámica neolítica») e Miguel Sobrino, escultor e escritor («El hombre y la piedra»). Os obradoiros, pola súa banda, recaerán en Orlando Morán, arqueólogo e ceramista (será un taller de cerámica neolítica), e no propio Christian Marne (técnicas básicas de talla en pedra). Incide o director en que o público poderá este ano participar moito máis activamente, achegándose ás obras e aos traballadores, tomando parte nos obradoiros (todas as idades) e levando logo á casa as pezas que teñan feito. Todo, ligado ao dolmen e ao oficio da pedra. Marne xa ten experiencia na organización deste tipo de certames, dado que en Xixón levan varias edicións con él ao fronte. Tamén coñece Cabana e, de feito, foi no 2014 o gañador do Certame Vento de Pedra. «Creo que está muy bien la iniciativa, ya no solo desde el punto de vista del sector, y de que nos podamos conocer y relacionarnos entre nosotros. Siempre está bien aprender unos de otros, pero además la gente puede ver cómo es el oficio en sí, conocer lo duro que es y lo que te tiene que gustar», incide Christian. Ten moi boa experiencia coa participación nos talleres, de aí que as expectativas para este simposio en Dombate tamén sexan interesantes.
Domingo 17 de xullo. Foliada no Campo do Briño (Borneiro). A asociación cultural Festas de Borneiro e O Son do Castro prepararon para o domingo 17 de xullo unha foliada no Campo do Briño, coa colaboración do Concello. Serán uns dez grupos, chegados principalmente de Bergantiños e de Soneira, aínda que tamén hai algún de Coruña, tal e como avanzaba onte Fernando Mato. A foliada comezará ás 18.30 e cada grupo terá o seu tempo de intervención. Xa de cara a noitiña, aqueles gaiteiros que queiran poderán irse sumando. «Organizar estas cousas dá moito traballo, pero vale moito a pena», comenta Mato. Trátase, sobre todo, de seguir mantendo as foliadas: «As cousas, se se perden, despois son moi difíciles de recuperar». Dado que é en vésperas da romaría do Carme do Briño, o que se busca tamén, é facer unha festa maior, máis continuada: «Darlle un día máis de potencia», como afirma Fernando Mato.
Luns 18 de xullo. Romería do Carme do Briño (Borneiro). A do Carme do Briño, en Borneiro, é unha desas festas que teñen todos os elementos dunha romaría. Unha cita que renova fieis cada verán e que, ademais dos oficios relixiosos, tamén terá a súa parte de ocio e música. A banda Eduardo Pondal será a encargada dos aires de festa desa xornada. «Noite e día, Cabana é unha romaría», di acertadamente a presentación desta celebración.
Sábado 23 de xullo. Romería de Santa Mariña do Remuíño (Corcoesto). Seguirá Cabana de romaría e farao o sábado 23 coa de Santa Mariña de Remuíño, tamén apoiada polo Concello. Neste caso, será a banda Inllar, de O Couto (Ponteceso), a que acompañe a xornada.
Luns 25 de xullo. Primeira Foliada Farrapeira no Campo de San Fins do Castro. A asociación cultural Os Farrapos, coa colaboración do Concello, ten preparado para o 25 de xullo, día de Galicia, a primeira edición da súa Foliada Farrapeira. Antonio Costa, cabeza da organización, explicou onte que as actividades comezarán ás 12.30 horas, coa saída dos santos de Cesullas cara a San Fins do Castro. Unha vez alí, ás 13.00, será a misa do Apóstolo. A continuación, a iso das 14.00, comezará xa a foliada, na que intervirán oito grupos, ademais do anfitrión. Por alí andará Inllar do Couto, os gaiteiros e as pandereteiras de Anos, Maruxía de Laxe, Cantos de Taberna de A Oliveira ou Ponciano e o seu acordeón, entre outros. A idea de facer esta primeira foliada farrapeira botouse a andar, como di Costa, porque nese día 25 de xullo, festivo, non había nada no municipio. De aí que quixesen propoñer unha forma de pasalo ben, «que ó do que se trata», sen ter que desprazarse moi lonxe da casa. Na xornada de celebración, a organización tamén poñerá taberna no campo e sortearase ademais un xamón (véndense rifas).
Sábado 30 de xullo. Cine de verán en Neaño. As tardes de verán, co sol xa baixo, préstanse ben para unha xornada de cine. Esa é a proposta para o sábado 30 de xullo no local social de Neaño, a partir das 22.00 horas. Os asistentes poderán ver o filme «Copito de nieve».
Domingo 31 de xullo. Castro animado de Borneiro («A cidade do circo»). A proposta do Castro Animado de Borneiro, no castro A Cidá, é unha desas citas do verán da Costa da Morte que van sumando seguidores ano tras ano, coa organización decidida do Concello. É, no fondo, unha xuntanza cos veciños, cos veciños dos outros castros cabaneses, pero ademais complementada cunha morea de actividades de animación abertas a todo aquel que queira acudir. Unha xornada de festa en base ás raíces e á tradición e nun espazo único como é o castro de Borneiro. No programa para este día figura unha gala de circo, ademais da presenza de varios artesáns, de animación teatral, a necesaria gastronomía autóctona ou a música con «Os Modernos». As imaxes que depara esta celebración dominical en Cabana fan pensar que esta é unha desas propostas que, si ou si, hai que coñecer na comarca. E vivila de preto.
Visitas guiadas de luns a domingo en Dombate. Ademais, neste mes de xullo comezan as visitas guiadas nocturnas, os venres. O dolmen de Dombate tense convertido xa, co seu Centro Arqueolóxico ao lado, nun centro de actividades recoñecido, nun punto de encontro para propostas moi diversas, aínda que fundamentalmente encadradas na divulgación, no eido cultural ou, mesmo, na práctica deportiva. O primeiro Simposio de Cantería Dolmen de Dombate que se celebra neste mesmo mes é un exemplo, pero axiña chegarán outras iniciativas, como o encontro literario-artístico que figura no programa para setembro. O megálito é, por suposto, un dos puntos de referencia a visitar por parte dos turistas e tamén dos veciños da Costa da Morte. Propiedade da Deputación, faise no verán un esforzo maior, de ampliación de horario. Con servizo de vixilancia as 24 horas pode verse por libre na hora que se desexe, pero a maiores hai visitas guiadas de luns a domingo, cada media hora, entre as 11.00 e as 14.00, pola mañá, e entre as 16.00 e as 20.00, pola tarde. Nos meses de xullo e agosto volve retomarse unha proposta que tivo moi boa acollida en anteriores veráns: as visitas nocturnas. Lévanse a cabo os venres, entre as 23.00 e as 24.00, ofrecendo a posibilidade de coñecer o dolmen dende unha perspectiva distinta e igualmente enriquecedora. Os interesados poden inscribirse previamente no teléfono 657 054 880, co guía Ángel Eiroa. El é un dos maiores coñecedores dos segredos que agocha o megálito e leva anos difundíndoos, tanto entre o público máis novo, os rapaces, como entre aquel que xa non o é tanto.
Suma de forzas para un programa do máis completo
O verán vai ser intenso en Cabana. O Concello deu a coñecer recentemente unha programación que chegará mesmo ata finais de setembro. É o resultado dunha suma de forzas. Deste xeito, na organización colabora a Deputación da Coruña, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Centro de Formación e Recursos da Coruña e a Consellería de Política Social.