O arquivo persoal de Francisco Fernández del Riego

Xosé A. Esmorís Gómez ARQUIVEIRO MUNICIPAL DE LAXE

LAXE

ESMORIS GOMEZ

16 may 2023 . Actualizado a las 18:29 h.

Tiven a oportunidade de ser seleccionado polo Concello de Vigo no ano 98 para traballar xunto a outras catro arquiveiras na organización e descrición do arquivo persoal de  Francisco Fernández del Riego, doado ao Concello de Vigo no ano 1995 e depositado na Casa Galega da Cultura. A nivel persoal e profesional o traballar na organización deste fondo, así como tamén co fondo fotográfico J. Vidal de Laxe, foron os dous proxectos dos que me sinto máis orgulloso. O contacto cos fondos pertencentes ó arquivo de Del Riego permitíume o acceso a documentos importantes para a reconstrucción da historia política e cultural de Galicia sobre todo da segunda metade do século XX. Os orixinais das súas obras, o seu labor editorial, a correspondencia persoal e oficiosa relacionada co galeguismo e coa cultura galega en xeral: Luís Seoane, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Álvaro Cunqueiro... e poderiamos seguir con moitos nomes representativos de Galicia. Considero a correspondencia como a serie documental máis importante.

A diferencia dos arquivos administrativos os arquivos persoias son de por sí máis complexos para o tratamento arquivístico porque a documentación depositada neles é producto, como non podía ser doutra maneira, dun percorrido vital persoal. e moitas veces xa ten unha organización feita polo seu produtor que alterou a súa orde de producción. En consecuencia, non foi fácil darlle unha estructura lóxica e coherente ao fondo documental que compoñía o seu arquivo xa que a súa actividade persoal fora moi diversa e intensa participando en numerosas institucións e asociacións, partidos políticos…

O traballo centrouse nun primeiro momento en tratar de concretar un cadro de clasificación documental que recollera dende aspectos biográficos ata todos aqueles relacionados coas súa funcións producto da súa intensa actividade profesional, política e sociocultural e para rematar tratouse concretar as series existentes para compoñer un inventario xeral e algúns índices como instrumentos descritivos.

As coleccións facticias como non podía ser doutra maneira son moi abundantes,  Francisco Fernández del Riego facía acopio de todo o que se refería a Galicia, e dunha gran heteroxeneidade xa que estaba composta por documentos de contido político e cultural xunto ós abundantes recortes de xornais que él mesmo se encargaba de facer acopio e que nos permíten achegarnos a acontecementos históricos concretos.

A súa presenza infundíame admiración e respecto. Era moi traballador e cada día cumpría coas súas obrigas de traballo. Polas tardes sempre coa seu puro no seu despecho e sempre traballando, por suposto.

Coa súa doazón o seu arquivo persoal pasou a ser público e sobre todo un tesouro para uso e disfrute de todas aquelas persoas, sobre todo os investigadores, que queiran achegarse o coñecemento no século XX.

Moitas grazas por todo, don Francisco.

Xosé A. Esmorís, arquiveiro municipal de Laxe.