Marta Seoane Pazos: «Escribín, escribín e escribín ata que todo tivo forma de novela»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO/ LA VOZ

LAXE

Marta Pazos e Belén Edreira, en Radio Voz Bergantiños
Marta Pazos e Belén Edreira, en Radio Voz Bergantiños BASILIO BELLO

Carballesa, chega hoxe a Laxe, «a miña segunda casa», coa súa exitosa novela «Balas de papel». Vai pola terceira edición

29 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • A tarde de hoxe será ben importante para a carballesa Marta Seoane Pazos. Ás 17.30, no local social Valle Inclán de Laxe, «a miña segunda casa», presentará a súa primeira novela, Balas de papel. Fíxoo xa onte en Malpica, e antes noutras vilas, empezando pola súa natal, en decembro. Marta pasou hai uns días polos estudos de Radio Voz, onde conversou con Belén Edreira, libreira e blogueira, e con Fran Rodríguez.

Pode dicirse que o que vén de ocorrer con Balas de papel é un milagre. A obra publicouse en novembro, chegou ás librarías en decembro e, xa a semana pasada, ía pola súa terceira edición. «Hai moi poucos casos así, o libro meréceo», afirmou Edreira, condutora tamén do club de lectura en galego do Concello carballés. Deu ela unhas pinceladas da novela, que entrelaza a vida de dúas mulleres. «Unha lévanos á segunda guerra mundial e outra, Julia, témola no século XXI, desentrañando o seu pasado (...) Unha novela que se ubica na Costa da Morte, máis concretamente en Laxe. Historia, memoria, reflexións, boa escritura... Xa non falo de erratas, falo de armar unha novela. Non coxea por ningún lado. As descricións, nin longas nin cuartas... Un libro que podes lelo, velo, sentilo e vivilo: esa é a maxia desta rapaza escribindo», asegurou Belén.

BASILIO BELLO

Marta provén da rama sanitaria: «Dar o paso de escribir é unha espiña cravada que se decidiu a saír. Tiven o valor de enfrontarme a min mesma na pandemia. Son reservada e o medo a non saber facer o que me gustaba, escribir, foi o que me levou por outros camiños. Pero decidín retomalo, fixen cursos, animáronme... O maior apoio tíveno na casa. Escribín, escribín e escribín ata que todo tivo forma de novela, e aí foi cando me atrevín a saír á luz», explicou a autora. «Creo que me convertín noutra persoa, a miña visión agora é máis grande, sei que podemos chegar a onde queiramos, con esforzo, dedicación e apoio, iso sempre». Traballa xa na tradución ao galego, que seguramente tamén lanzará coa granadina Ailar Ediciones.

«Crieime en Laxe, miña avoa e miña nai eran de aí», di sobre a localización do libro. Medrou vendo a cheminea que se ve na portada da obra. O gusto pola historia, pola novela histórica, pola lectura, vénlle de súa nai: «Sempre estivo cun libro na man». Precisa que Julia non é ela, que non hai ningún personaxe real, mais si vivencias e recordos. Por iso sente nervios de acudir a Laxe «a falarlle á xente do seu pobo, da súa propia casa». Mais aí estará hoxe e, en breve, en Ponteceso e en feiras literarias.