Tolerancia cero

Antonio Lara López TRIBUNA ABERTA

LAXE

Borja Sanchez-Trillo | EFE

22 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu, Antonio Jara, como número dous da coalición de Unidas Podemos Laxe en representación de Esqueda Unida, síntome na obriga política e na necesidade persoal de dar unha explicación pública á cidadanía e ás votantes da nosa candidatura pola situación que se vén producindo desde hai un tempo e sobre a cal quero facer a seguinte reflexión. Quero ser o máis nítido e contundente posible ante a denuncia presentada contra o concelleiro electo de Unidas-Podemos Laxe por un presunto delito de malos tratos. En política como na vida, máis si se é un cargo público, hai liñas vermellas que non se poden traspasar e ante feitos deste tipo a tolerancia debe ser cero e desde o primeiro momento estar a carón da vítima.

Desde o noso espazo político temos que ser claros e rotundos denunciando estes feitos porque o comportamento das persoas que se adican a actividade política así coma o posicionamento das organizacións representadas teñen que ser exemplares e exemplarizantes. Se se é contundente cos adversarios políticos esixindo responsabilidades en casos semellantes, máis se será se pasa dentro das propias filas.

Neste espazo político de esquerda que defende e promove outra forma de facer política, son principios innegociables a defensa dos intereses da cidadanía , sustentada no feminismo e a paz, cuns valores de respecto á diversidade e en contra da violencia de xénero, de intraxénero e calquera tipo de violencia. Se os representantes políticos deste espazo non cren nestes principios é que están no lugar equivocado e se non asumen responsabilidades políticas cas votantes e ante a cidadanía, están cometendo un fraude , un engano e unha tomadura de pelo cara eles.

O traballo no público, máis neste espazo, non pode ser unha frivolidade, unha moda pasaxeira, un elemento para alimentar egos narcisitas que antepoñen o persoal aos intereses da cidadanía á que se di representar.