Laxe coñeceu xa «a verdadeira historia» das irmás Fandiño

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

LAXE

ANA GARCÍA

Presentado na biblioteca o libro ilustrado «Coralia e Maruxa», de Caridad Camarero

02 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de terse enviado xa ás bibliotecas de toda a provincia, a biblioteca Antón Zapata de Laxe foi este venres a primeira en dar inicio á xeira de presentacións que veñen por diante. Así, Cari Ca —Caridad Camarero— levou á súa vila Coralia e Maruxa, libro ilustrado editado pola Deputación da Coruña que divulga «a verdadeira historia detrás das Marías da estatua da Alameda», en palabras de Sol Agra, deputada de Dereitos Civís.

«Hai que continuar a traballar para dignificar a Coralia e a Maruxa [as irmás Fandiño] e a tantas outras mulleres que representan. Porque aínda hoxe non se sabe moito delas pese a que contamos con materiais abondo para honrar as súas vidas», sinalou do seu lado Caridad, acompañada tamén neste acto por Francisco Charlín, alcalde de Laxe, e Raquel Lema, concelleira de Cultura. Coralia e Maruxa foron exemplo de «subversión», «símbolos de esperanza». Ames, Santiago e A Coruña serán próximas paradas desta obra que tamén chegará a Baio o día 26.