«Na Costa da Morte viven a maioría dos animais do acuario»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Alfredo Veiga leva desde o 2003 como técnico de acuaroloxía do Aquarium Finisterrae.
Alfredo Veiga leva desde o 2003 como técnico de acuaroloxía do Aquarium Finisterrae. Paco Rodríguez< / span>

O malpicán posúe un gran coñecemento das algas e o seu aproveitamento

05 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Alfredo José Veiga Villar (Malpica, 1965) é técnico de acuaroloxía do Aquarium Finisterrae de A Coruña desde o ano 2003. O malpicán ten un amplo coñecemento das algas maniñas, sobre as que fixo a súa tesina estudando a flora das Illas Sisargas.

-¿En que consiste o seu traballo no acuario?

-Responsabilízome da parte de Laboratorio (análise da calidade da auga, control de equipos...), cultivos auxiliares (son cultivos de plancton que se usan de alimento vivo para moitos animais) e tamén me ocupo da parte de biodiversidade, dentro da cal, encárgome de preparar todo o necesario para poder manter, e mellorar no posible, a colección biolóxica do acuario. Trátase, sobre todo, dunha actividade de captura de fauna e flora e para iso contamos cunha embarcación propia e, sobre todo e o máis importante, é que contamos co apoio de moitos mariñeiros da nosa costa que nos levan con eles a bordo para poder coller os animais que precisamos (peixes, mariscos, corais...).

-¿Busca os peixes na Costa da Morte?

- Desde logo que si. O acuario intenta representar a fauna e flora das nosas costas, polo tanto é imprescindible realizar as capturas nestas augas xa que na Costa da Morte viven a maioría dos animais do acuario.

-¿Como se capturan?

-Hai moitas maneiras, tantas como artes e modos de pesca coñecemos (e en Galicia son moitísimos), pero sempre hai que procurar danar o menos posible os exemplares capturados. Artes de pesca como o cerco, permítenos coller xurelos, sargos ou xardas en moi bo estado; as artes de enmalle proporcionan moitos invertebrados de fondo e en moi bo estado, o anzol permite pescar peixes de fondo; as nasas tamén nos permiten acopio de peixes, polbos, centolas ou nécoras. Tamén usamos o mergullo con frecuencia xa que podemos buscar polo fondo aquilo que nos interese: algas, pedras «vivas» e moitos invertebrados. A lista podería ser interminable.

-¿Por que fixo a tesina sobre as algas?

-As algas sempre me chamaron máis o menos a atención, pero o meu interese polo seu estudo xurdiu cando tiven a oportunidade de facer a miña «tesina» e estudar a flora algal das Illas Sisargas.

-¿Cre que hai suficiente coñecemento sobre elas e sacámoslles todo o partido que se pode?

-A pesar de que a xente da costa ten un gran coñecemento das algas e lévanas empregando dende hai moitísimos anos, creo que, en xeral, non son moi coñecidas. Moita xente descoñece que hai moitas especies comestibles e de gran valor nutricional, que teñen infinidade de usos e aplicacións industriais e que, de feito, todos usamos a diario produtos derivados das algas. Nos últimos anos estase a incrementar o interese por este tipo de produto, sobre todo desde o punto de vista alimentario. Teñen un potencial altísimo para obter produtos de alto valor engadido e que poderían supoñer unha fonte de ingresos complementaria para o sector pesqueiro e marisqueiro, sobre todo se contaran co apoio institucional que se merecen.

-¿Como se poden aproveitar mellor? ¿Poderiámolo facer na Costa da Morte?

-A nivel mundial, o mercado dos produtos industriais obtidos das algas, está copado por unhas poucas empresas que explotan grandes cantidades de algas para a obtención deste tipo de produto. Na miña opinión, o uso alimentario das algas é, posiblemente, un dos de maior potencialidade, así como a obtención de materia prima de calidade para a elaboración de cosméticos, produtos dietéticos... Trataríase, por tanto de buscar produtos de alto valor engadido que incrementen o beneficio da súa explotación. As algas son un recurso renovable e a Costa da Morte conta con unhas condicións ambientais que permiten o desenvolvemento de importantes poboacións de algas e de zonas moi interesantes para o seu cultivo. De feito xa se explotan desde fai anos, pero con uns beneficios moi baixos. Se o produto final fora de alto valor engadido, o prezo de primeira venta podería ser tamén maior.

-¿É certo que as algas tamén teñen as súas estacións?

-Efectivamente, as estacións tamén existen no medio mariño pero pasan máis desapercibidas que en terra. Cada verán aparecen e proliferan especies propias desa época. Coa chegada dos temporais de outono o mar tira na costa grandes cantidades de algas que creceron durante o verán e aparecen outras especies máis propias do inverno.

-¿Hai moita diversidade na Costa da Morte?

-A nosa costa é un enclave moi rico en diversidade algal. Nas Illas Sisargas existen máis de 230 especies de algas e en Galicia o catálogo supera as 600 especies. Pero non soamente importa a biodiversidade, existen fondos submarinos nos que hai comunidades incribles de algas como son os «bosques» de Laminarias, os fondos de Maërl ou as praderías de Zostera (que non é unha alga, senón unha planta acuática). Todo isto, unido as condicións oceanográficas destas augas, fai que os fondos das costas de Galicia sexan un lugar moi interesante desde o punto de vista ecolóxico e dunha riqueza extraordinaria en recursos naturais.

-¿Que lle parecen as plantacións de algas?

-Son unha boa maneira de aproveitar este recurso sen alterar as poboacións naturais. Grazas ao cultivo podemos obter unha produción homoxénea e programar as tarefas para realizar a colleita no momento máis adecuado. Ademais, os cultivos de algas poden servir de complemento de outros cultivos e grazas a integración de diferentes cultivos xurdiu durante os últimos anos o que se coñece como «acuicultura multitrófica integrada» e que permite optimizar os cultivos e minimizar o seu impacto ambiental.