A coruñesa Clara Vidal faise co XVIII Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

Gañou o certame convocado en Malpica co seu poemario «Masaxe con argán mal pronunciada»

13 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano no que alcanza a maioría de idade, o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas xa ten nova gañadora. Trátase da coruñesa Clara Vidal, que coa súa obra Masaxe con argán mal pronunciada logrou impoñerse ás outras vinte candidatas. Un poemario, segundo o xurado, «doce, onírico e altamente sensual», no cal os versos «frescos e curtos son dunha contundencia inequívoca».

O fallo desvelouse durante a Cea das Letras celebrada o sábado na Casa do Pescador de Malpica, nun acto que abriu Emma Abella destacando a importancia do certame e rememorando os seus inicios. Uns inicios nos que estivo moi presente o seu esposo, o finado poeta e percebeiro Paco Souto, así como o actual responsable da editorial Caldeirón, Paco de Tano, e outros colaboradores que puxeron tamén o seu gran de area.

Nunha convocatoria que destacou pola «calidade excepcional» das obras recibidas, o alcalde malpicán, Eduardo Parga, quixo deterse a agradecer o traballo de Caldeirón. Comprometeuse a seguir apostando pola celebración do certame e puxo en valor o esforzo realizado polo xurado, que nesta décimo oitava edición estivo composto pola gañadora do ano pasado, Diana Rey Martínez; por unha representante do Concello, Teresa Ríos, e por unha emisaria da editorial promotora, Olga Martínez.

Emma Abella foi a encargada de entregarlle o seu galardón á vencedora desta última edición, que durante a súa intervención recoñeceu que xa se presentara varias veces, malia sen lograr o obxectivo desexado. Agradeceu a valoración do xurado, que neste caso foi unánime, e rematou recitando un fragmento do poemario co que gañou o premio.

O alcalde, pola súa banda, entregoulle un agasallo ás tres mulleres que este ano se encargaron de ler e analizar tódalas creacións. Tanto este como o que lle foi entregado á vencedora foron elaborados polos oleiros de Buño.