«As Mallas da Area» reivindica a Lugrís e a riqueza malpicá

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

Presentado cun cheo na Casa do Pescador o segundo número da revista da ACD Mallas de Area

10 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A sala que acolle cinco dos oito murais que Urbano Lugrís pintara en 1956, no Fogar dos Pensionistas e Casa do Pescador de Malpica, foi o sábado inmellorable espazo para a presentación do número 2 da revista As mallas da area, da asociación-comisión Mallas de Area. E iso porque todo o traballo é unha homenaxe a Lugrís no aspecto gráfico, pero tamén é reivindicación da súa obra mural e doutros valores do pobo.

O local ficou cheo para saber máis das temáticas desta publicación, que tamén pasan polo patrimonio, os mariñeiros ou a literatura, con espazo para entrevistas, pasatempos, o Foro do Mar ou as Letras Galegas, dedicadas este ano a poesía popular oral e cantareiras. Precisamente dous mantóns das Vellas de Mens, así como a pandeireta de Teresa da Canóniga, unha delas, presidían a mesa de presentación, co divulgador Xosé Manuel Varela e o directivo Pedro Mato.

BASILIO BELLO

Case a totalidade de autores e entrevistados se achegaron á Casa do Pescador e compartiron esa reivindicación dos vellos lobos de mar ou das pandeireteiras. O segundo número de As mallas da area inclúe asemade un percorrido pola historia da editorial Caldeirón e deixa novos retos para o deporte malpicán ou accións arqueolóxicas na Croa do Castro, entre outros puntos. Noelia Freijeiro e Icía Varela, así como a Agrupación Folklórica Aturuxo, foron as actuacións improvisadas deste acto no que ACD Mallas de Area aproveitou para presentar o foro deste sábado 15 e o seu entroido, que será o 1 de marzo.