Vinte anos das Vellas de Mens, nun libro imprescindible estas Letras Galegas

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Fernández Pensado, de pé, falando en Mens en febreiro deste mesmo ano
Fernández Pensado, de pé, falando en Mens en febreiro deste mesmo ano BASILIO BELLO

José Manuel Fernández Pensado vén de publicar «As Vellas de Mens», cuxa primeira presentación será este 23 de abril, na Coruña

22 abr 2025 . Actualizado a las 18:44 h.

Estas Letras Galegas 2025 dedicadas á poesía popular oral a través da figura das cantareiras Eva Castiñeira, Rosa e Adolfina Casás Rama, Asunción e Prudencia Garrido Ameijenda, Manuela Villar Lema e Teresa García Prieto, teñen alumeado xa a publicación de obras referenciais para saber delas, caso de Cantareiras, de Xosé Manuel e Icía Varela. María Lado, Eva Mejuto ou Carlos Callón publicaron asemade obras necesarias para entender esta celebración. Agora, baixo o selo de Galaxia, vén de chegar ás librarías As Vellas de Mens, de José Manuel Fernández Pensado, libro imprescindible sobre as pandeireteiras malpicás, pois é froito de vinte anos de convivencia con elas. Fernández Pensado, hoxe presidente de honra da Agrupación Folklórica Aturuxo, a entidade coa que as de Mens viaxaron tocando por Galicia, España e parte do estranxeiro (Francia, Portugal, Arxentina), compartiu con elas todas esas experiencias. Destinos, recibimento do público, anécdotas, o que significaron para a cultura e a música galegas... Todo está recollido nesta publicación. Non só se cingue ás catro homenaxeadas pola Real Academia Galega (Asunción, Prudencia, Teresa García e Manuela Lema, as demais non cumprían co requisito da RAG de levaren máis de dez anos falecidas), senón a todo o grupo de Mens ao que Aturuxo lle abriu ficha no ano 1973 e como foi devindo ao longo do tempo. 

A primeira presentación de As Vellas de Mens será este mércores 23 de abril, Día do Libro, no local de Amigos dos Museos de A Coruña (rúa Sinagoga), ás 20.00 horas. Non tardará en chegar Pensado a Mens coa súa obra, pois aínda conserva todo o vínculo cos familiares das «Velliñas», como cariñosamente eran chamadas en Aturuxo. Fernández Pensado (Porto do Son, 1946), é actualmente veciño de Samieira, Poio, mais ten tamén fonda relación coa vila de Muxía a través da súa dona. Acompañarán ao autor neste presentación Xosé Manuel Varela, autor do prólogo, escritor e docente; Felipe-Senén López Gómez, autor do epílogo, arqueólogo e museólogo; e Xesús Domínguez Dono, director de Produción da editorial Galaxia.