
Con catro das homenaxeadas do municipio, o Concello avanza unha edición histórica do festexo
04 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Será mes e medio de programación, dende mañá mesmo, 5 de maio, ata o 15 de xuño. Malpica nun mar de Letras é o lema do programa das Letras Galegas que o Concello de Malpica vén empregando hai xa un tempo, mais este 2025 case máis ben conviría falar de océano.
Será unha edición «histórica», avanza o consistorio, e así debe ser pois catro das cantareiras homenaxeadas pola Real Academia Galega este ano son do municipio: Prudencia e Asunción Garrido, Teresa García e Manuela Lema, catro das integrantes das Pandeireteiras de Mens.
Conxuntamente coas asociacións, o Concello deseñou un menú cultural con actividades «arredor da lingua, a literatura, a música e a tradición galega». Exposicións, espectáculos, presentacións literarias, obradoiros, encontros...
Non pode pasarse por alto que Malpica acollerá este ano os actos oficiais do Día das Letras Galegas, por parte da Xunta de Galicia e da RAG, «un recoñecemento histórico que converte o noso municipio no corazón da celebración da cultura galega», valoran. O avance de maio:
Do 5 de maio ao 15 de xuño • Exposición Canta que cadramos ben: cantareiras, dos Equipos de Dinamización da Lingua. Na biblioteca municipal Blanco Amor.
7 de maio • Dotación ás bibliotecas e entidades de publicacións sobre cantareiras.
12 de maio • Ás 10.00 e ás 12.00, espectáculo Coa pandeireta na man, de María Faltri, no centro cívico. Para público escolar do municipio.
15 de maio • Ás 11.00, festival das Letras no centro cívico. Organiza CEIP Milladoiro.
17 de maio • Ás 11.00, acto institucional do Día das Letras por parte da Xunta. Ás 12.00, pleno extraordinario da Real Academia Galega. Ás 14,00, Gran Xantar de Mens. Das 21.00 en adiante, III Ruada Nun Mar de Letras, no campo da festa de Mens, con Carcaxía, Malante, Do Rivés e Caamaño&Ameixeiras. Organiza a comisión de festas.
18 de maio • Obradoiro de regueifa con Lupe Blanco, en Mens, ás 17.00. Trinta prazas.
19 de maio • Ao son doas nosas pandeiretas: vai por elas, no campo da festa de Mens. Organiza Nosa Señora do Faro (10.00). Ás 12.00, homenaxe das novas xeracións ás de Mens, na igrexa. Organiza o IES Urbano Lugrís.
24 de maio • De 16.00 a 21.00, Sonsoles Penadique e María da Pontragha pasarán con contos por Forno do Forte, promove O Quinteiro. ás 17.30, na igrexa de Mens, presentación do libro As Vellas de Mens, de Manel de Aturuxo. Finalmente, ás 19.00, no centro cívico, gala de fin de curso da asociación Malante.
27 de maio • Ás 12.00, espectáculo Axúdame a cantar, con Felisa e Montse, de Leilía. Centro cívico. Para alumnado.
30 de maio • Presentación das bases da nova edición do certame Illas Sisargas.
21 de maio • Ás 19.30, gala fin de curso de Raigañas, no auditorio do centro cívico.
E en xuño... • No vindeiro mes chegará Escora Danza, un maratón teatral, o Cancioneiro serodio de Xabier Díaz, unha exposición e festival de aniversario de Aturuxo, a gala de Carcaxía ou a presentación do libro Somos pandeireteiras.
Tamén estaba prevista a presentación do volume gañador do último certame Illas Sisargas, pero o acto foi posposto pola saúde do autor.