Consenso en Malpica sobre o papel da poesía popular oral na promoción da lingua galega
MALPICA DE BERGANTIÑOS














O titular do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, presidiu o acto conmemorativo do Día das Letras Galegas, que tivo lugar ao pé das Torres de Mens
17 may 2025 . Actualizado a las 18:34 h.Ao pé das Torres de Mens, na terra natal de catro das mulleres homenaxeadas este ano pola Real Academia Galega, tivo lugar este sábado o acto institucional conmemorativo polo Día das Letras Galegas. Un acto que estivo presidido polo titular do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, e no que quedou patente a relevancia que tivo a poesía popular oral na conservación e promoción da lingua galega. «A música deste país soa máis en galego grazas a elas», sentenciou Felisa Segade, integrante de Leilía, en referencia ás cantareiras: «Elas foron as creadoras e as gardiás da tradición popular e da fala. Se non fose por elas [...] hoxe non estariamos aquí», continuou.
O presidente da Real Academia Galega, pola súa banda, recalcou que esas cantigas que tantas veces soaron nas voces de Rosa e Adolfina Casás, Eva Castiñeira e Manuela Lema, Teresa García e Prudencia e Asunción Garrido (catro das Pandeireteiras de Mens), son auténticas «obras de artesanía verbal». Tamén fixo referencia Henrique Monteagudo ao feito de que a Costa da Morte siga sendo o principal refuxio da lingua galega: «As xentes [desta comarca] gardaron como en ningún outro lugar o orgullo de falar a nosa fala. Sodes un exemplo a seguir», dixo durante un acto ao que asistiron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o delegado e a subdelegada do Goberno, Pedro Blanco e María Rivas; varios conselleiros, deputados, parlamentarios e representantes de Administracións locais e das universidades de Santiago e A Coruña.

Contou coa intervención musical das agrupacións tradicionais Malante e Raigañas, entregáronse exemplares dos libros Canto popular gallego (Luis María Fernández Espinosa) e Pandeireteiras (Xosé Manuel e Icía Varela, con ilustracións de Nerea Gómez) e estivo presentado pola propia Icía. O rexedor malpicán, Eduardo Parga, aproveitou a súa quenda de palabra para agradecer á Xunta e á RAG que lle teñan «dado luz a este patrimonio» que é a poesía popular oral. «Honrar a nosa lingua é honrar o que somos», salientou.
O presidente da Xunta, pola súa banda, ofreceu un extenso discurso no que loou o labor das homenaxeadas e no que apelou a un «bilingüismo cordial» como fórmula de preservación da lingua galega. «A pervivencia e promoción do idioma virá da man do alento e do reforzo en positivo, xamais da imposición nin da obrigatoriedade», recalcou o titular do Goberno autonómico.
Rematado o acto, a actividade trasladouse ao centro cívico malpicán, onde a RAG celebrou unha sesión plenaria extraordinaria. Alí, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamoulle á Xunta e ao PP «vontade política» para defender un idioma que actualmente pasa «unha mala situación», dixo.