Xabier Díaz, Alana ou Mercedes Peón, na Festa Galega de Malpica

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Xabier Díaz ofreceu este xoves un concerto con encanto no dolmen Dombate
Xabier Díaz ofreceu este xoves un concerto con encanto no dolmen Dombate BASILIO BELLO

Xa ten data a 16.ª edición, informou o Concello de Malpica: será os días 15 e 16 de agosto 

19 jul 2025 . Actualizado a las 15:22 h.

Que Malpica é un municipio festeiro é por todos sabido. Co horizonte posto xa no mes de agosto, vén de anunciar o Concello unha nova edición da súa Festa Galega, a número 16. Será os días 15 e 16, no porto, e máis concretamente na zona do travelift. Dúas xornadas intensas, avanzan, para un encontro coa música e coa tradición, no que a vila será «escenario privilexiado» para gozar da cultura propia a través das voces e sons das mellores agrupacións tradicionais. Concertos, cantareiras e espectáculos de referencia, entre os que ben poden destacar todos os nomes, comezando polo de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, Alana e Mercedes Peón. Non menor relevancia merece a presenza das agrupacións Carcaxía, Malante, Raigañas, Do Rivés e Tanto nos Ten

Xabier Díaz, xustamente, vén de ofrecer un dos Concertos con Encanto deste verán no dolmen Dombate, en Cabana. Unha actuación, este pasado xoves, que reuniu nutrido público e que deixou imaxes coma esta, coa forza do megálito como escenario. 

BASILIO BELLO

«A Festa Galega é unha homenaxe ás nosas raíces, un punto de encontro interxeracional onde tradición e innovación musical conviven para poñer en valor o noso patrimonio cultural inmaterial», di o Concello, que ten para esta festa a colaboración da Xunta, Axencia de Turismo de Galicia, Deputación e Confraría de Pescadores.

A programación, ao detalle

Venres 15 de agosto

  • 21.30. Cantareiras ACD Carcaxía
  • 22.00. Cantareiras AC Malante
  • 22.30. Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
  • 00.15. Alana

Mercedes Peón
Mercedes Peón

Sábado 16 de agosto

  • 22.00. Cantareiras AC Raigañas
  • 22.30. Do Rivés
  • 23.00. Mercedes Peón, co seu espectáculo Ingrávida
  • 00.15. Tanto nos Ten.