«A Mostra de Teatro é dos programas máis agardados en Malpica»
MALPICA DE BERGANTIÑOS
Noelia Freijeiro, edila de Cultura, fala do ciclo deste ano, cunha función máis que nos anteriores e en marcha ata o 13 de decembro
14 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Logo das dúas primeiras obras xa gozadas, con Xarope Tulú e Galeatro, a 21.ª Mostra de Teatro de Malpica continuará esta tarde (20.00 horas) con outra peza para público familiar: A nena e o grilo camiño das cores, de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos. A entrada, como no resto do ciclo, é de balde e sen inscrición. Polo tanto, non hai escusas para gozar do teatro no outono. Organizada polo Concello, da Mostra teatral, que continuará ata o 13 de decembro, falou en Radio Voz Noelia Freijeiro, edila de Cultura:
—A resposta do público está a ser moi boa nesta Mostra.
—Sobre todo nos últimos anos, é unha das programacións máis esperadas polos veciños, polos de Malpica e os doutros concellos que se achegan. Con 21 edicións quere dicir que algo funciona, gusta, medrou o público ultimamente. Seguimos apostando por teatro e cultura.
—Os venres, teatro.
—Así segue sendo, coa única excepción dunha obra a xoves. Pero mantense o día e o lugar, o centro cívico, cun auditorio renovado o ano pasado. Temos por diante aínda sete representacións, comezamos polas de público familiar.
—Hainas variadas.
—Iso intentamos sempre, propostas para diferentes idades. Dende o venres 21 pasaremos a adultos e nesta ocasión incorporamos tamén a danza, con Fran Sieira e compañía. A música tradicional debe estar sempre, pero este ano aínda máis, as Letras Galegas en Malpica aínda as seguimos celebrando.
—Pecharán «As desterradas».
—Si, nese caso unha obra que chega a través do Outono das Artes da Deputación. Rematarían así nove citas, este ano un espectáculo máis ca nos anteriores, porque se nota que é unha programación que nenos e grandes agardan.
—O acceso, sempre de balde.
—Efectivamente. Todos os detalles pódense consultar na web do Concello e redes. Tamén os horarios, que se moven entre 20.00 e 20.30.
—E para o Nadal?
—Podemos adiantar que teremos a foliada de Cantos de Nadal, coas asociacións locais, o 27 de decembro. E que o acendido de luces e decoración da árbore será xa o día 7, cunha chocolatada.