Sensibilidade pétrea

MARÍA VICTORIA CANOSA DIZ

MUXÍA

18 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

«Dichoso el árbol que es apenas sensitivo/ y más la piedra dura porque esa ya no siente». Estes versos cos que comeza o poema Lo fatal , de Rubén Darío, son o primeiro que me veu á cabeza cando escoitei ao alcalde de Muxía dicir que ter nas rúas miña vila beirarrúas de pedra é un privilexio que algúns temos e ao que, ao seu parecer, debemos renunciar. Isto non é unha cuestión de privilexios (¡que razoamento imos esperar de quen non pode aducir razón algunha!). As lousas non son nin dos que loitamos por elas nin dos que deixan de loitar, son de todos, dos muxiáns e muxianas que por elas andamos, son do noso pobo e constitúen unha herdanza que debemos manter. Os nosos antergos fixéronas a sabendas de que perdurarían a través do tempo, para o futuro que agora somos nós: temos un legado que deixar que forma parte da nosa historia. Respectémolo. O que está a facer, señor alcalde, non é máis que dar renda solta a un carpicho, un antollo; non se trata de se a obra é ou non legal (¡só faltaría!), é simplemente unha cuestión de sensibilidade e bo gusto, dos que vostede carece. Se as quita acordareime delas toda a vida. Sufrirei por elas unha a unha. Sentireinas lousa a lousa, pero por vostede, cando xa non sexa alcalde, non chorarei, serei de pedra dura.