
Esta tarde • Presentación na biblioteca de Muxía • 19.30 horas • Co autor estarán David Creus, escritor e artista, e Antón Lopo, editor (Chan da Pólvora) • Cando tiña 16 anos, Ramón Blanco fíxose coa primeira edición do premio de poesía da súa vila natal, o Francisco Añón de Outes. Aquel galardón, unido á afección compartida cos seus colegas do desaparecido colectivo Sacou, constituíu unha sólida plataforma de lanzamento no eido literario. Daquela, escribía e soñaba con conseguir tamén o Eusebio Lorenzo Baleirón, un certame convocado polo Concello de Dodro. Hai unhas semanas, acadou o obxectivo co seu poemario Se pedra na brétema, unha obra que ve a luz agora, pero que empezou a cobrar forma hai xa varios anos. Hoxe daraa a coñecer en Muxía.
«Escribo en cadernos, en panos de papel ou en calquera soporte que teña á man. O que fixen para elaborar este libro foi recuperar textos de caixóns e carpetas, peneiralos en función da súa temática e seleccionar aqueles que tiñan unha cohesión». Este foi o proceso que Ramón Blanco seguiu para elaborar o groso dunha obra que completou cun 20 % de novas creacións. O resultado é un conxunto de versos que o propio xurado do Eusebio Lorenzo Baleirón considerou un único poema: «Realmente, a miña pretensión era esa, que non fose un libro de poemas, senón un texto único».
Non menos difícil é, incluso para o propio autor, explicar a liña temática. Asegura que hai dous elementos recollidos no título que constitúen o eixo central: «A pedra coma o que permanece, o que é difícil de destruír; e a brétema, o contrario, o que é difuso. A escritura sería esa vontade de escribir, coma a pedra, iso que quere ser firme e durar no tempo; e a brétema sería a confusión que rodea a escrita, que contén a inevitable fugacidade. Tamén se pode levar ao caso dunha enfermidade de demencia ou alzhéimer, con esa memoria que queremos conservar, pero non somos capaces».
Ramón Blanco é un escritor perfeccionista: «Hai xente que ve a poesía coma un conxunto de versos rimados, pero, para min, cando a poesía é boa debe procurar ter unha vontade filosófica».