Jesús María e Mercé Barrientos presentan «Fontes rumorosas do Concello de Muxía»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Será esta mesma tarde, ás 19.30 horas, na igrexa de San Xián de Moraime: aforo limitado a 70 persoas

14 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A igrexa de San Xián de Moraime é, tamén, o lugar escollido para outra presentación literaria, esta mesma tarde, ás 19.30. A obra leva por título Fontes rumorosas do Concello de Muxía e é un traballo de Jesús María Barrientos Antelo, albanel e primeiro alcalde de Muxía logo da chegada da democracia, e Mercé Barrientos, licenciada en Educación Física, docente e cunha vida ligada ao deporte, ademais de filla de Jesús.

Jesús María Barrientos
Jesús María Barrientos José Manuel Casal

Mercé Barrientos
Mercé Barrientos José Manuel Casal

Os dous dedicaron o tempo posterior ao confinamento a percorrer «camiños de a pé, de carro e pistas» localizando as fontes e lavadoiros das aldeas do municipio, recollendo o seu estado actual. O libro (Edicións A Laxiña) fai un percorrido fotográfico, incluíndo mapas de localización, das fontes e lavadoiros construídos, reconstruídos ou restaurados na década dos oitenta. Está dedicado, avanzan, aos traballadores e traballadoras que realizaron estas tarefas. En total, son 45 os mananciais recollidos e a cada un deles asociouse unha cantiga popular, unha lenda ou versos e escritos de autores galegos sobre a cultura da agua. Os dous autores estarán esta tarde acompañados pola artista Viki Rivadulla, que exercerá como presentadora.

Unha chamada de atención

Ademais de todo o mencionado, Fontes rumorosas do Concello de Muxía garda tamén un espazo dedicado á fauna atopada nestes espazos, así como aos elementos paisaxísticos arredor deles. Entre as fontes deseñáronse, asemade, mapas de roteiros.

A intención inicial da obra non era outra que documentar o estado actual destas instalacións, se ben o que se fai tamén é unha chamada de atención sobre a necesidade de conservar o patrimonio cultural, etnográfico e paisaxístico, poñendo en valor enclaves e roteiros que, «se non foran esquecidos ou arruinados», poderían converterse en elementos moi valiosos para a promoción dun modelo de turismo sostible.

Dadas as circunstancias sanitarias actuais ligadas ao coronavirus, e como ocorre en todos os demais actos culturais da comarca, o aforo para acudir á presentación será limitado: máximo, setenta persoas. Lémbrase o uso obrigatorio de máscara.