Julio Pan, charanga NBA: «Levamos case corenta anos pateando Muxía pola romaría da Barca»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

ANA GARCÍA

Especial Romaría da Virxe da Barca | A charanga NBA será a pregoeira desta edición da romaría: hoxe, ás 21.00 horas no Cabo da Vila

13 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada ano, enchen de cor e ledicia as rúas de Muxía coa súa música, e nesta edición a organización da romaría da Virxe da Barca quíxolles agradecer o seu compromiso e traxectoria nomeándoos pregoeiros. Trátase da charanga NBA, que naceu no entorno de Cambre e que leva case corenta anos percorrendo as festas de toda Galicia. Julio Pan, en representación da entidade, explicou en Radio Voz Bergantiños o especial que é esta celebración para a agrupación.

—Houbo algún ano que faltasen?

Só a pandemia nos parou, pero aparte diso sempre estivemos operativos e sempre contaron con nós. Levamos unha eternidade, creo que dende o 1986!

—Quedan moitos dos veteranos?

O que entra, arraiga de tal maneira que non quere marchar [ri]. Non hai moita rotación, pero o máis veterano agora son eu, que fun fundador. Levamos case corenta anos dando guerra.

—Iso de NBA... vén do baloncesto?

Sempre nolo preguntan [ri]. Significa «non bebemos auga».

—Terán ben anécdotas en Muxía...

Moitísimas! Dende as veces que temos durmido aí onde Protección Civil e algún somnámbulo se levantou e nos asustou, ou cando acabábamos a festa tocando montados no tiovivo.

—Algunha vez viñeron andando?

É que nos queda moi lonxe... Se xa está a hora e media en coche, imaxina andando! Que conste que Muxía pateámola tódolos anos: xa é peregrinación abonda!

—Cambiou moito a romaría?

Nós, que a vivimos como se fose propia, non cremos que se desmadrase, só que a xuventude ten outra maneira de divertirse. Cremos que se mantén a esencia, aínda que ultimamente hai moitísima máis xente, tódolos días. Efectivamente, é unha das mellores festas de Galicia.

—Tocando tantos días, dálles tempo a gozar das festividades?

Si que as disfrutamos. Ao que queira quedar búscanlle aloxamento e gozamos da romaría, da verbena, de ir comer o polbo... Cando entras nesas polbeiras que están a tope de xente, que che caia unha cunca de viño encóntralo ata especial.

—Con que estilo se define a charanga NBA?

Principalmente facemos música moi bailable, como cumbias ou merengues, pero tamén metemos algo de rock ou cancións de moda. Somos un grupo instrumental, iso si, non cantamos.

—Todo listo para o pregón?

Eu son moito de improvisar [ri], pero falaremos dende o agradecemento e recordando todos eses anos que levamos aí e do importante que é a festa para nós.