Volve o festival Comarea a Muxía, desta volta en tempo de inverno, desestacionalizado

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

XESÚS BÚA

Logo das cinco edicións entre o 2015 e o 2019, a deste 2024 será do 3 ao 8 de decembro

19 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo cinco edicións, do 2015 ao 2019, e agora volve. Este 2024, do 3 ao 8 de decembro, agrandarase a historia do festival Comarea. Promove dende Muxía a cooperativa Horta Creativa, pasando do verán ao inverno, cun novo concepto, por máis que o obxectivo siga a ser dinamizar a vida cultural deste municipio. Será «un festival desestacionalizado, interxeracional e aberto a diversos estilos, tales como folk, funk, electrónica ou músicas do mundo, cunha coidada programación paralela estendida durante seis días e en diferentes localizacións muxiás.

Horta Creativa avanza que serán 16 actuacións musicais, das que rebelan unha, Omiri, un dos proxectos máis orixinais da nova música portuguesa, un mix de sons tradicionais case esquecidos con ritmos electrónicos do XXI.

Concello e Deputación da Coruña teñen brindado nas anteriores edicións o seu apoio a un festival que medrou das 200 persoas do 2015 ás 1.500 do 2019. Foron epicentro as praias de Os Muíños (catro entregas) e A Cruz (unha).