«Lendo Lendas», espazo de reflexión e divulgación da biblioteca Santiago Rey

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

MUXÍA

Acto na biblioteca Santiago Rey, en decembro do 2023, unha entrega de premios de La Voz
Acto na biblioteca Santiago Rey, en decembro do 2023, unha entrega de premios de La Voz BASILIO BELLO

Logo da estrea do programa con Xesús Búa, a seguinte sesión será este sábado 18 de xaneiro, con Guadalupe Vázquez

16 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Muxía vén de difundir a programación ao completo do proxecto «Lendo Lendas», inaugurado o pasado mes de decembro con éxito coa presentación do libro Homes e mulleres de sal e ferro, de Xesús Búa, tributo aos percebeiros. É, segundo trasladan, un programa cultural con doble finalidade: dar a coñecer a biblioteca pública Santiago Rey Fernández Latorre e reflexionar sobre temáticas diversas relacionadas cos libros que se presenten, pois ese será o eixo. Así, pequenos e maiores poderán debater sobre cuestións sociais da importancia do abuso entre nenos e nenas, o racismo, a protección da cultura ou a saúde mental. Estenderanse as citas entre este sábado 18 de xaneiro e o 22 de febreiro, coa primeira fixada arredor da obra Alicia no labirinto das sombras, da autora ceense Guadalupe Vázquez Formoso. O encontro botará a andar ás 12.00 do mediodía e está recomendado para nenos e nenas de 10 anos en adiante.

Logo desta primeira proposta haberá outras cinco, en horario vespertino, conversas ao redor das obras Avó, cóntame aquel de..., de María del Carmen Seijas López (25 de xaneiro); Cuniupuyara, de Justo Calviño Cruz (1 de febreiro); A toponimia dos celtas brigantinos e doutros pobos da Gallaecia, de Fernando Cabeza Quiles (8 de febreiro); Fóra de campo, de Rosalía Fernández Rial (14 de febreiro); e Aprendendo a vivir, de Margot. «Deste xeito, o Concello de Muxía demostra a súa aposta pola cultura en todas as súas expresións, e traballará para que este programa permaneza no tempo», avanzaron dende o consistorio a través dun comunicado.