Sandra Vilela, concelleira de Cultura en Muxía: «É importante abrir as portas da biblioteca Santiago Rey ao pobo»
MUXÍA
Hoxe ás 12.00 horas, nun espazo que é «identidade», avanzará o programa «Lendo Lendas». Cita con Guadalupe Vázquez
18 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Unha das citas deste sábado 18 de xaneiro na Costa da Morte será en Muxía, ás 12.00 na biblioteca municipal Santiago Rey Fernández-Latorre. O Concello, da man do novo goberno encabezado por Javier Sar, vén de presentar o programa ao completo do proxecto Lendo Lendas, que continuará cando menos ata o 22 de febreiro. Falou este venres en Radio Voz a edila de Cultura, Sandra Vilela:
—«Lendo Lendas», doble finalidade. A primeira: dar a coñecer a biblioteca Santiago Rey.
—Si, dala a coñecer porque é un espazo marabilloso e cunha bibliotecaria, Míriam, técnica de Cultura, que intenta dinamizala todo canto pode. Se a xente non coñece ese espazo, non pode participar do que alí se fai. Non é só unha biblioteca, é un espazo de reunión, onde a cultura ten que potenciarse, e dábanos a sensación de que estaba abandonado. De feito, estivo pechada moito tempo, desgrazadamente. É importante abrir as portas da biblioteca Santiago Rey ao pobo, ás aldeas, a todo o municipio, para que a coñezan e a gocen, está chea de vida.
—Para quen nunca pisase esta biblioteca: que diría que transmite? Vénnos a cabeza madeira, libros, acollemento.
—Tal cal, é unha casa de pedra, cunha lareira preciosa, que recolle moi ben os trazos identitarios de Galicia e de Muxía. Un espazo con madeira, acolledor, onde podes ler ou botar un anaco traballando, con Internet... Lembro os obradoiros de Samaín hai pouco: achegueime, os nenos sentados, luces baixas, candeas, ao lado da lareira... Lembroume á casa dos meus avós, cando nos sentabamos a falar ou a xogar unha partida de cartas.
—«Lendo Lendas» abría en novembro coa presentación de «Homes e mulleres de sal e ferro», de Xesús Búa. Vostede fixo unha presentación do máis emotiva, tócalle preto.
—É a miña vida. Eu non son percebeira, pero meu pai, tíos, avós ou curmáns, si! E miña nai! Soubéronnos transmitir o amor por ese traballo e forma de vida. Era ademais, digamos, o meu primeiro acto grande como concelleira, por iso se me fixo tan emotivo. Falamos ademais de alguén como Xesús Búa, moi querido para nós, tiña que ter unha presentación especial. Día bonito.
—A diferenza desa, todas as demais sesións serán na biblioteca Santiago Rey, a primeira xa este sábado 18 de xaneiro, hoxe.
—Si, arredor dunha obra de Guadalupe Vázquez que trata o bullying, o acoso escolar. Ela é ademais unha persoa da zona, e tamén iso o hai que poñer en valor, empezamos pola casa. Todos os libros que seleccionamos para este programa están pensados para reflexionar sobre algo, esa é a segunda finalidade. Son presentacións, tamén, co ánimo de fomentar a lectura: ler é vida, é liberdade de pensamento, e iso é unha das mellores cousas que che poden pasar. A cultura debe estar pensada, cando as Administracións programamos temos que facelo pensando no que queremos conseguir, no que queremos potenciar, que conciencias queremos mover.
CITA CON GUADALUPE VÁZQUEZ
12.00 horas • Pequenos e grandes, pero sobre todo pequenos, teñen hoxe unha cita importante arredor da novela Alicia no labirinto das sombras.