O artista Gervasio Sar terá sala de seu en Muxía

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

CONCELLO DE MUXIA

Falecido no 2020, a inauguración deste espazo, o vindeiro 28 de febreiro, suporá saldar unha «débeda» con el

07 feb 2025 . Actualizado a las 17:51 h.

Eran ben novo cando comezou a destacar coa súa paixón pola pintura. Tiña só oito anos cando se iniciou nela e, a pesar do diagnóstico de párkinson con só 22, avanzou na súa traxectoria artística ata converterse en todo un referente cultural de Muxía e da Costa da Morte. Superación e sensibilidade. Son palabras que o Concello de Muxía lle atribúe ao artista e veciño Gervasio Sar (1958-2020), con quen deixarán salvada unha débeda o vindeiro 28 de febreiro. Ese día, na Camposa, ás sete da tarde, quedará inaugurada a Sala Gervasio Sar, poñendo fin a un recoñecemento pendente con el, coa súa familia e mesmo coa memoria: «Esta homenaxe fora comprometida hai aos sen que se materializase. En só catro meses, o actual goberno municipal fixo posible esta iniciativa», trasladaron.

Será un recoñecemento á figura de Sar, pero tamén á súa «pegada imborrable na historia do municipio». Avanzan, ademais, que este será o primeiro paso dun proxecto que irá a máis, para poñer en valor a súa contribución á cultura. Ao acto de inauguración do 28, con presenza de autoridades, familia e achegados, pode acudir quen o desexe.