Palillada tributo en Muxía polos 100 anos de Eva Castiñeira

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

PABLO QUINTANA

Cita imprescindible este 25 de xullo no cámping Lago-Mar, na terra natal da cantareira, unha das homenaxeadas este ano coas Letras Galegas 

24 jul 2025 . Actualizado a las 20:55 h.

Un 25 de xullo, o do 1925, veu ao mundo Josefa Eva Castiñeira Santos. De Agranzón, Ozón, Muxía, é unha das cantareiras ás que se lle dedican este ano as Letras Galegas. Este venres, por tanto, 25 de xullo de 2025, tería cumprido cen anos —mais faleceu no 2008—. Un aniversario redondo que non pasará desapercibido no seu municipio natal, en tanto que no cámping Lago-Mar, para as 18.30, está prevista unha panillada homenaxe a ela.

Haberá palabras, e haberá tamén alimento para o corpo e para o espírito. Non poderán estar presentes os artistas Rodrigo Romaní e Pablo Quintana, ambos testemuñas de diferentes momentos da vida artística de Eva, mais si moitas outras persoas que se achegaron á súa figura, tal é o caso de Xosé Manuel Varela e Icía Varela, autores dos libros Cantareiras e Pandeireteiras, semente da proposta de lembranza; Xabier Díaz, investigador; Nerea Gómez, ilustradora; Viki Rivadulla, artista; Manuel Vilar, exdirector do Museo do Pobo e, aportando o sentimento familiar, Juan José Alvite, un dos fillos de Eva. Quizais poida achegarse tamén Tino Maceiras, cofundador da discográfica Ruada.

Cómpre lembrar que Eva Castiñeira, xunto coa súa irmá Engracia, foi a primeira pandeireteira en subir a un escenario cun grupo folk, ano 1981 no pavillón de Deportes da Coruña. Non era outro que Milladoiro, xa por entón con dous discos. Un concerto para a historia, como o disco da serie Recolleita coordinada por Pablo Quintana, con gravacións previas a esa actuación feitas por Rodrigo Romaní nos estudos de Ruada. O traballo recolle pezas de Eva Castiñeira e do Cego dos Vilares.

Eva marcou profundamente a formacións como Leilía, ou mesmo ao propio Milladoiro, que fixo perenne a súa Dansa, baixo o título de Rompeu a chiculateira, canción referencial da memoria popular. A melodía desta peza foi ademais empregada durante anos e anos por Pinto d'Herbón para regueifar, expandindo o seu legado.