Querida Eva. Estás viva no noso canto

Icía Varela

MUXÍA

BASILIO BELLO

27 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Querida Eva,

Hoxe, no teu centenario, abrimos o corazón e a memoria para dicirche: grazas. Grazas por ser voz, grazas por ser man, eco e alma dunha Galicia que moitos e moitas esqueceron, pero que ti mantiveches viva cos ritmos da pandeireta, cos versos da tradición oral e co alento quente da túa voz firme e verdadeira. Naceches hai exactamente cen anos en Agranzón, en Muxía. E desde aquela terra, comezaches a cantar. Canda a túa irmá Engracia e outras mulleres da aldea, deitaches nas festas, nas eiras e nas romarías unha forma de sabedoría que non cabía nos libros: a memoria cantada dun pobo.

Fuches pioneira sen sabelo. Desde a Coruña, onde emigraras para traballar como tantas outras mulleres galegas, foches unha das primeiras mulleres em gravar un disco da man da discográfica Ruada e subiches ao escenario con Milladoiro naquel 1981. E así, sen artificios, convertécheste, xunto com túa irmá Engracia, nas primeiras pandeireteiras en compartir palco cun grupo folk.

Eva, sen pretensións, sen ansia de protagonismo, rompeches silencios e abriches camiños. As túas cantigas, gardadas na túa voz humilde, foron recoñecidas e gravadas. Un fito para calquera artista, pero sobre todo para unha muller da túa xeración, que gardaba no peito o cancioneiro da terra.

Foches inspiración para Leilía, que che dedicou Consentimento. Para Xabier Díaz, que fixo soar o "Valse de Agranzón". Para Luar na Lubre, que deu vida a "Ao pasar pola Coruña". E mesmo para Pinto de Herbón e Manu Chao, que levaron as túas melodías alén das fronteiras.

BASILIO BELLO

Pero sobre todo, Eva, foches semente. Semente de memoria, de identidade, de orgullo. Co teu exemplo, co teu cantar ensináchesnos que a cultura popular tamén é cultura, con maiúsculas. Que a palabra da aldea é tan digna coma a dos salóns académicos. E por iso, este ano 2025, o Día das Letras Galegas, ese día reservado á nosa literatura, foi teu e das túas compañeiras pandeireteiras.

E hoxe, o destino tráenos aquí, a Merexo. Ao pé do mar e da memoria. Nun cámping que acolle o acto na mesma parroquia onde naceu Pazos de Merexo, coetáneo teu, compañeiro de tantas panilladas, acordeonista cun aquel tan noso como o teu xeito de cantar. Tamén aquí, moi preto, em Tufións, naceu o teu compañeiro de vida. Todo parece confluir nesta tarde de lembranza: as voces, os lares, os ecos. Todo fala de ti, Eva. Todo canta contigo.

Juan José Alvite, fillo de Eva Castiñeira
Juan José Alvite, fillo de Eva Castiñeira BASILIO BELLO

E como nos lembra con tenrura Juan José, un dos teus fillos, ti cantabas a todas horas. E cando volvías da Coruña camiño a Muxía, viñades no coche enchendo o aire de melodías, cantando sen parar, coma quen espanta a morriña ou chama á terra co poder da voz.

Porque para ti, Eva, a música non era un oficio: era unha forma de estar no mundo.

Feliz centenario, Eva. Estás viva no noso canto. 

IN MEMORIAM

Carta escrita pola cantareira Icía Varela con motivo da palillada-tributo polos 100 anos de Eva Castiñeira, celebrada este venres no cámping Lago-Mar de Muxía, cunha boa ristra de convidados e persoas que a coñeceron en vida. Eva é unha das homenaxeadas este ano coas Letras Galegas. Faleceu no ano 2008 e está soterrada no cemiterio de San Pedro de Visma (A Coruña).