
Obituario | Faleceu en Muxía o armador Vituco Sar, patrón do Navaliño Dos e irmán do alcalde, Javier Sar
15 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Vituco Sar vai no fondo. Así se referían os mariñeiros da novela Gran Sol de Ignacio Aldecoa cando un deles morría en terra. O océano foi a súa única sinfonía. Cando era cativo navegou no libro de Simbad. Tocou tódolos paus do flamenco do palangre: no Canto, en Praia Nova e na costeira do bonito.
Na procesión do Carme de Muxía a bordo do Pescasar a chamada a Vituco, que navegaba entre os paralelos 46 e 48, era para nós unha tradición. Foi o mestre de pesca do seu irmán Javier e do seu fillo José.
Non entanto, no imaxinario pesqueiro da Costa da Morte, Vituco Sar será para sempre o patrón do Navaliño Dos. Foi un dos pesqueiros de maior tamaño da comarca, de case 25 metros de eslora. Construído nos asteleiros Eugenio Romero, na desembocadura do Anllóns, tiña unha marea viva que destacaba cando varaba e un fermoso casco de madeira branco cunha lista negra pintada a babor e a estribor. Despois de estar varios anos no porto de Oza unha pa mecánica acabou con el, aínda que as súas madeiras xa estaban sentenciadas. Foi despezado no 2016.

Cando a folga acabou coa experiencia da Compañía, o Navaliño Dos e o Playa de Muxía ata Praia Nova. Os dous buques marchaban xuntos e regresaban xuntos. Faenaron moitos anos sen ningunha lea, vendían todo o peixe e repartían os cartos xuntos.
Anos despois nunha conversa pregunteille polo seu peor momento no mar. Díxome que fora volvendo de Vigo a Muxía con vento do Norte. Moito mar e moito vento. Seica un golpe de mar ás 10 da mañá puxo a tripulación en apuros. Pregunteille logo a algúns dos mariñeiros que pasaran aquel trance. Dixéronme que o patrón nunca perdera a calma.
O curso de navegación a vela de Glenáns asegura que en medio dunha borrasca é necesario que a tripulación tema máis ao patrón que ao océano.
Pero Vituco Sar sabía que un bo patrón ten que ter carácter para controlar o desánimo e o medo. Sabía que un bo patrón debe estar sempre á altura das circunstancias; que un bo patrón advirte do perigo, pero non perde o sentido do humor e lembra que hai mares peores que polo que están navegando. Vituco Sar sabía que un bo patrón afronta un temporal derrotando a cada ola ata que o combate finaliza felizmente.
O patrón do Navaliño Dos, honesto e traballador, foise dignamente coa discreción que o caracterizaba. En terra era un home austero, un home de consenso en tempos de radicalidade, un home familiar.
Foise un dos grandes das grandes sagas mariñeiras de Muxía. Eles fixeron posible que a finais dos anos 70 unha terceira parte da pescada que se desembarcaba en Galicia procedía dese pequeno porto.
Nunca máis volverei subir ao teu barco na procesión do Carmen, cando me explicabas con paciencia infinita tódolos artefactos que levabas na ponte, que a sonda nacera en 1968, o radar de aire no 1970 e o halador no 1972. Nunca esquecerei que fostes o primeiro en ensinarme a facer un as de guías que nunca se desata. Nunca máis volverei escoitar da túa boca o incidente cos fisterráns do Segundo Rosario Victoria cando finalmente o barco abordado foi o Hermanos Sambad.
Agora todo o mar é teu patrón! Proa o vento! Avante sempre!