 
	
											A biblioteca do centro, que funciona dende o 1994, estreouse este venres como Biblioteca LIA_3
25 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Son moitos os Concellos e centros educativos da Costa da Morte que dalgunha maneira conmemoraron onte o 24 de outubro como Día da Biblioteca que é. Moito máis ca un día, en realidade. Non obstante, deuse unha velada ben especial no colexio Os Muíños, en Muxía, onde inauguraron a súa biblioteca —que funciona dende o 1984— como Biblioteca LIA_3, un proceso de renovación que veñen levando a cabo dende o curso 2021/2022.
A estrea reuniu a María José Pousa, Iván Pena e Diego Rúa, representantes da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia; Isabel Vila, inspectora de zona; Sandra Vilela, concelleira de Cultura; docentes, membros da ANPA (María José Barrientos e Isabel Haz) e Dimas Búa, representante dos libreiros.
Aurelia Picallo, directora do centro, agradeceu aos presentes a asistencia, así como a colaboración. Resumiu asemade a «vida» da biblioteca dende a súa entrada no Plan de Mellora, pasando polas reformas dende que fose recoñecida como Biblioteca LIA. Os presentes, guiados polo equipo de voluntariado de lectura, dez alumnos de terceiro ciclo de primaria, coñeceron todos os espazos dunha instalación que ocupa 200 metros cadrados.
Segundo explican dende o colexio, o Plan LIA (Lectura, Información e Aprendizaxe) impulsa o traballo de bibliotecas destacadas polo seu labor a favor de considerar estas non só como centro de recursos para a escola, senón como punto de encontro de toda a comunidade educativa. Foi hai catro cursos cando a biblioteca de Os Muíños aínda deu un paso máis ao ser recoñecida no plan LIA_3.