O curso da UIMP reivindica a Parga Pondal e a Filgueira

Á. palmou

PONTECESO

Gurriarán cualificou a Parga Pondal de adiantado ao seu tempo.
Gurriarán cualificou a Parga Pondal de adiantado ao seu tempo.

Gurriarán e Giadás lembraron os fitos do xeólogo laxense e Ferro Ruibal destacou os traballos do intelectual pontevedrés

17 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O curso que a Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) celebra estes días no Couto (Ponteceso) en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal atravesou onte o seu ecuador cunha xornada de reivindicación de dúas personalidades da historia galega do século XX aínda que de traxectorias diferentes.

O xeólogo laxense Isidro Parga Pondal centrou as intervencións que abriron e pecharon desta terceira xornada de actividades na antiga casa reitoral a través das exposicións realizadas por Ricardo Gurriarán Rodríguez e Luis Antonio Giadás. O primeiro deles, autor do libro Galicia ten un referente. Isidro Parga Pondal, centrouse nos aspectos biográficos de Parga Pondal e apoiou a súa amena charla con fotos antigas así como documentos de grande interese, como os relativos á expulsión da universidade que sufriu en 1936 polo seu compromiso galeguista.

Gurriarán describiuno como un home moderno ao seu tempo que foi quen de crear unha industria que xerou moitos postos de traballo.

Luis Giadás tomou o relevo ao final da tarde para incidir na importancia que Kaolines de Lage e Titania tiveron para o desenvolvemento da comarca. Botou man tamén de fotografías, tanto antigas como actuais, dalgúns dos espazos onde deixaron a súa pegada as iniciativas impulsadas por Parga Pondal.

Giadás detallou que o xeólogo e empresario foi pioneiro en facer efectivos os dereitos sociais dos traballadores o que isto, xunto co economato das súas empresas, foi clave para facer fronte a épocas de fame como as que se viviron nos anos 40 do século pasado.

Filgueira Valverde

Entremedias das charlas de Gurriarán e Giadás, os alumnos do curso da UIMP puideron achegarse tamén á figura de Xosé Filgueira Valverde, autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas, pero que foi obxecto de polémica por ter ostentado cargos de responsabilidade durante o réxime franquista.

Xesús Ferro Ruibal, polígrafo e membro da Real Academia Galega, defendeu a importancia do intelectual pontevedrés, do que destacou o seu perfil de home galeguista de pensamento conservador, pero sempre fiel a súa terra. Tamén gabou a súa capacidade de traballo como autor de poesía, teatro e obras para nenos, labor que compatibilizou co traballo divulgativo do Museo de Pontevedra e coas súas investigacións sobre a literatura medieval ou os cancioneiros.

As explicacións de Ferro Ruibal e as súas mencións aos distintos paus da produción de Filgueira Valverde foron acompañadas da lectura de diversos fragmentos desas obras.