Unha viaxe á Galicia Mediterránea

Pablo Sanmartín

PONTECESO

Sendeirismo cultural por O Courel e a Ribeira Sacra lucense dende os concellos de Vimianzo e de Ponteceso

21 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Como cada ano, os concellos de Vimianzo e Ponteceso organizan unha fin de semana de sendeirismo cultural deseñada polos seus técnicos, Víctor Santos e Javier Couto. Nesta ocasión achegámonos ó interior da provincia de Lugo para visitar dous espazos naturais de gran valor natural, paisaxístico e histórico: O Courel e a Ribeira Sacra lucense.

O sábado, logo dunha breve parada para almorzar na aldea do graal galego e das pallozas centenarias, iniciamos o circuíto polas estreitas e angostas estradas da comarca do Courel. Recollemos ós nosos guías, Blas e Raquel, na aldea de Seone e subimos ata ó Alto do Couto. Dende o cume iniciamos o descenso pola devesa da Rogueira, o gran tesouro natural da Serra de Courel, nunha húmida mañá de tempo variable que ía mudando o espectro cromático da fraga. Iniciamos a ruta por este paraíso verde considerado un dos bosques de maior diversidade da Península Ibérica, situado na aba noroeste do pico Formigueiros, o máis alto do Courel. As paraxes mesturan diferentes solos (louseiros, cuarcíticos e calcarios) que coas variacións de altitude permitían reparar na súa gran riqueza botánica. É flora que mestura especies da Europa atlántica e mediterránea que serven de acubillo a unha variada fauna. A primeira parada non podía ser noutro lugar que na curiosa Fonte do Cervo ou da Fame: seica as súas augas estimulan o apetito. Nesta gran rocha agroman dous mananciais contiguos pero de propiedades moi distintas de augas calcarias e ferruxinosas de gran sona pola súas propiedades curativas.

Pouco despois de xantar nun souto, chegamos á area de interpretación de Moreda. Neste punto enlazamos co seguinte treito que nos levaría de novo á vila de Seone, unha senda que os máis aventureiros empregan para acceder ó poboado castrexo máis importante do Courel, o mítico Castro Cido, un dos posibles emprazamentos do lendario Monte Medulio, o último reduto da resistencia dos poboadores galaicos ante o asedio do Imperio Romano. Hoxe, poucos restos son visibles deste enclave no que apareceron as dúas pezas arqueolóxicas máis importantes da comarca courelá, na actualidade no museo arqueolóxico provincial de Lugo: a Tessera Hopistalis (unha táboa de bronce localizada na Torre da Cabreira e datada no ano 28) e unha aguia de bronce das que coroaban os estandartes das lexións romanas. Atravesamos por bosques de aciñeiras, cerquiños e castaños milenarios, xa á beira do Lor, noutrora un dos ríos troiteiros máis importantes da comarca. Cruzando por unha ponte de madeira volvemos a Seone a repoñer forzas.

Á tardiña e da man de Guillermo, o noso novo guía, visitamos unha das paraxes máis abraiantes da Serra do Courel, o val das Mouras. Un labirinto de corredores de pedra caliza cubertos dun veludo verde de musgos e fentos que fai cavilar nesas mouras que os veciños crían ver neste enclave. Como comentaba unha viaxeira de Ponteceso, «é como camiñar por unha cova sen teito, chea de humidade e cores verdes». Neste ecosistema tan singular os veciños de Mercurín e a Ferrería Vella plantaron na Idade Media centos de castiñeiros que incrementan a maxia deste incrible conxunto xeomorfolóxico. Foi en Quiroga onde ceamos e pasamos a noite no albergue municipal.

O domingo amenceu tristeiro e gris e nós con maniotas da xornada anterior pero de seguida repuxemos folgos durante o almorzo. Restaba unha mañá máis sosegada pero non menos interesante na Ribeira Sacra Lucense.

A media mañá chegamos ó embarcadoiro de Doade para percorrer no catamarán o canón do Sil. É un xeito diferente de coñecer esta cunca que dividía os antigos dominios dos condes de Lemos da beira lucense da comarca da Terra de Caldelas na ourensá. Dúas horas de paseo fluvial ata aproximarse á zona de Santa Cristina e regresar a Doade contemplando dúas zonas ben distintas. Na primeira parte da travesía observamos na ribeira lucense os extensos bancais de vides de uva Mencía, característica deste viño da denominación de orixe Ribeira Sacra, e os bosques frondosos da ribeira norte ourensá. Ata a zona de Amandi os bancais de viñedos seguen a caracterizar a paisaxe, que muda radicalmente no seguinte treito, a zona máis escarpada deste canón do Sil, con enormes moles graníticas onde a natureza parece debuxar penedos de caprichosas formas. A laxe da velliña e a do indio, que nos sinala a nosa guía, semellan ser as máis comentadas. Paraxes nas que aínda sobreviven bos exemplos do aproveitamento extremo da chamada viticultura heroica nos lugares de Souto Vello e As Lobeiras na parroquia soberina de Santiorxo. Na parte superior do canón reparamos nos espectaculares miradoiros da ribeira como o coñecido Balcón de Madrid no Concello ourensá de Parada do Sil. A torre campanario do cenobio de Santa Cristina de Ribas de Sil, agochada entre a extensa vexetación, marca o punto de regreso a Doade.

Paraxes a protexer

Ó rematar a singradura coincidimos con don Fidel Pérez, un vello adegueiro e produtor de mel, do que nos falara a guía durante a viaxe. Era coñecido como o introdutor do enxeño mecánico que permite subir as uvas dende os viñedos ata as estradas. Non obstante, a súa fama aumentou cando o ano pasado gañou, sen decatarse, o primeiro premio nunha exposición de apicultura en Irlanda do Norte. Foi un apicultor irlandés, Dave Atherton, que estivera de vacacións na Ribeira Sacra e mercara un dos seus tarros de mel, quen ó decatarse da súa calidade, presentouno ó concurso sen dicirlle nada. Tralo éxito acadado, Dave comunicoulle os feitos a Fidel a través dunha singular misiva que este contestou con outra emotiva carta para amosar a súa gratitude.

A última parada da viaxe foi nunha das adegas máis premiadas da Ribeira Sacra, Regina Viarum. Tras percorrer as súas instalacións e descubrir algún dos seus segredos non podíamos rematar de mellor xeito que catando un dos seus últimos caldos premiados. No conxunto da fin de semana, foi unha experiencia para decatarnos da importancia de preservar estas paraxes, outono tras outono, mil primaveras máis.