Todo un referente mundial da xenética, non se esquece do seu lugar favorito e colabora en varios proxectos da comarca
05 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.En decembro do 2015, Ángel Carracedo (Santa Comba, 1955) facía público, na última páxina deste xornal, un dos seus grandes amores. «Non me vai crer, pero vivo no sitio máis bonito do mundo, que é a Costa da Morte. Se tivese uns graos máis e chovese un pouco menos... Pero xa non sería o mesmo». Estas foron as súas verbas cando se lle preguntou por un lugar. Un dos moitos que visitou, pois Carracedo é todo un referente mundial no ámbito da xenética. Esta mesma semana, entre parada e parada das súas viaxes a Madrid ou Lisboa, tivo tempo de sacar uns minutos para falar dese lugar que o ten namorado. O científico xalleiro é catedrático e director do Instituto de Medicina Legal. Tamén é director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica ou xefe de grupo do Ciber de enfermidades raras. Unha morea de cargos que a calquera outra persoa lle custaría levar con humildade. Pero Ángel Carracedo ten algo especial. Algo que o fixo ser no 2015 un dos bos e xenerosos da Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso. Todo ese conxunto de mencións e premios non evitan que o científico xalleiro continúe a visitar -na medida en que a súa ateigada axenda llo permite- o seu instituto favorito, o carballés Alfredo Brañas.
-¿Cando foi a última vez que visitou a Costa da Morte?
-é raro que haxa un fin de semana no que non teña viaxe e que non vaia por aí.
-¿Onde foi?
-En Corme, simplemente mirando o mar.
-¿Segue facendo submarinismo as fins de semana?
-Sempre que podo. Ten que estar moi mal o mar para non atopar eu un lugar onde mergullar ou facer pesca submarina.
-Se tivese que escoller un lugar, ¿cal sería?
-Louro en inverno. Cabo da Nave ou da Buítra en Muxía e de Cabo Vilán a Arou no verán. Pero calquera lugar un pouco afastado da Costa da Morte encántame.
-Non para de recibir homenaxes. O último en Malpica.
-Gústame dar mimiños e recibilos como a case todo o mundo, penso eu. Os premios que máis me gustan son os que veñen da xente. Non son os máis famosos, pero para min son os mais importantes. Os máis formais e teoricamente importantes desacóuganme un pouco, pero tamén os sei agradecer.
-De toda a xente coa que falei, non houbo ningunha que non saíse abraiada dunha charla súa.
-Pois se cho din... Cando vexo as cariñas dos rapaces ou a xente, e que seguen con tanta atención o que lles estou contando, faime moita ilusión
-¿Cal é a clave?
-Creo que contar as cousas como un conto, con paixón, cariño e proximidade e dun xeito que se poda entender todo ben.
-¿Trabállase ben nos centros para infundir nos alumnos esa paixón pola ciencia?
-Temos un sistema educativo no que se traballa ben a memoria e algunha cousa máis, pero pouco a creatividade e a curiosidade. Un sistema que quere que todos os rapaces cheguen a mesma idade cas mesmas habilidades cando a vida e a natureza pide todo o contrario: diversidade e aproveitar as cousas boas que todos temos.
«Gústame
dar mimiños e recibilos, como a case todo o mundo, penso eu»
«Hai que loitar por facer de Cabo Vilán un centro de interpretación para os nosos rapaces»
O catedrático da Universidade de Santiago sempre tivo predilección por axudar aos máis pequenos da zona a desenvolver o seu gusto pola ciencia e o coñecemento en xeral. Por outra banda, Carracedo tamén foi chave para descubrir a enfermidade de Javier Muñiz, un rapaz carballés que padece un raro síndrome.
-Vostede sente predilección polo Alfredo Brañas de Carballo.
-Pois si. Primeiro, por unha charla que din alí un día e na que estaban ademais estudantes do Parga Pondal, Monte Neme e o Artai. Eses rapaces logo regaláronme un libro no que todos eles escribiron o que sentían. Foi tan bonito e tan emotivo que me conquistaron para sempre. Este ano non puiden ir á Feira das Ciencias, que é excepcional, pero vou o 16 de marzo e aproveito para ver e falar con mestres e persoal que teñen alí, que quero moito e dos que sempre aprendo.
-Por outro lado, sempre parece disposto a vir pola zona a divulgar a ciencia en charlas e actos.
-Fago o que podo. Teño unha vida moi complicada con moitas viaxes e traballo, pero de cando en vez agasállome un momentiño de descanso falándolles aos nosos rapaces e falando cos mestres se podo, e aprendendo de todos.
-Tamén foi crucial a súa intervención no caso de Javier Muñiz e a súa prima, que padecen o síndrome 4H.
-É unha enfermidade moi rara, e alegreime moito que atoparamos a mutación que a causa. Chegará un día que haberá cura para esta doenza, e de aquí ao 2018 vai haber mais del mil novos tratamentos para enfermidades raras. Mentres, eses nenos teñen que ter todo o noso apoio e cariño e, neste caso, dentro da mala sorte, teñen a fortuna de estar nunha familia excepcional. O curioso do caso é a mala sorte extrema de dous nenos nunha familia nunha enfermidade que é recesiva.
-¿Como leva tanta mostra de cariño e afecto da xente coa que traballa ou colabora?
-A miña avoa dicía que quen abre os brazos recibe abrazos. Eu traballo moito, a investigación require moito esforzo e o único que pido é ter un ambiente ao redor de alegría, confianza e cariño. Non meu grupo todo o mundo ten un sorriso para os demais. E é do que mais orgulloso estou.
-¿Sabe xa cal será o próximo lugar da Costa da Morte que visitará?
-Sí. A Cabo Vilán, para desfrutar dos meus amigos de alí e loitar por un proxecto para facer do faro de Cabo Vilán un centro de interpretación educativo do que se beneficien os nosos rapaces.