O Monte Branco inspirou, hai xa 25 anos, un movemento cultural que revolucionou o asociacionismo rural. Ocorreu nunha aldea chamada Cospindo, un pequeno lugar ubicado na franxa imaxinaria que separa o mar da terra, onde o insigne Eduardo Pondal tivo o seu primeiro encontro coa auga bendita. Aquí naceu a Asociación Cultural Monte Branco, con poucos medios, pero con moitas ideas e máis ganas aínda. E hoxe forma parte tamén desa paisaxe.
Ao longo de vintecinco anos, a Asociación Cultural Monte Branco, en perfecta simbiose co entorno, demostrou unha capacidade pouco habitual para iren adaptándose aos tempos, para construírse un teito primeiro e para enchelo de contido antes, durante e despois. A Casa dos Veciños do Couto (Ponteceso) é un lugar imprescindible na historia recente da literatura galega, e alí un lugar para posteridade persoeiros como Manuel María, Xosé Neira Vilas, Bernardino Graña, Manuel Rivas ou os vellos regueifeiros.
Porque se a literatura galega, como a cultura en xeral, ten nomes e apelidos, o principal logro da Asociación Cultural Monte Branco, alomenos visto desde fóra, foi a súa capacidade para achegarse a esas grandes mulleres e eses grandes homes, pero sen perder de vista nin por un momento todas aquelas persoas que fan un labor diario e intenso, pero calado, e que sen entidades coma esta pasaría inadvertido.
Para todas esas persoas -coma as que onte pola noite se xuntaron na Casa dos Veciños- que teñen vivido en primeira persoa a Festa das Letras Galegas en moitas das súas edicións, un concerto folk, unha actuación de Carlos Blanco antes de que os monólogos fosen un invento da tele, unha homenaxe ás orquestras da comarca de Bergantiños, unha ofrenda floral a Eduardo Pondal, unha sesión do Simposio Pondaliano, unha comida cos artesáns, unha conversa con Manuel María, unha partida de tute na Casa dos Veciños, un baile nun día de tronos... todo o que se poida dicir sempre será pouco.