«En educación o importante é o goteo diario, desde o berce, desde o minuto 0»

F. Rodríguez / C. Viu CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

XOÁN A. SOLER

A Fundación Pondal acollerá mañá unha charla sobre estereotipos sexistas

27 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Espazo Educar, da Fundación Pondal, é unha proposta multidisciplinaria para as comunidades educativas dos catro centros de Ponteceso. O programa consta de catro charlas e unha delas, a de mañá pola tarde, correrá a cargo de Ana Torres Jack, orientadora no instituto Eusebio da Garda da Coruña e colaboradora de La Voz de Galicia a través de La Voz de la Escuela. Ás cinco da tarde falará sobre estereotipos de xénero na familia e o xeito de superalos.

-É importante a aprendizaxe na casa para poder previr determinadas condutas?

-É absolutamente clave poñer de manifesto a importancia que teñen as familias e os pais e as nais para poder loitar contra os estereotipos sexistas, que son moi limitantes, especialmente coas nenas.

-Pero ás veces é complicado para os pais batallar contra elementos externos.

-Si, pero a pelexa non é soamente neste eido dos estereotipos. A loita é permanente e diaria con respecto a moitos temas, como a adicción as pantallas ou a alimentación. O importante é que nós, desde a casa, transmitamos unha serie de valores e que os nosos fillos e fillas mamen, vaian impregnándose día a día das cousas que consideramos que deben ter en conta, aínda que logo están nunha sociedade que evidentemente lles está a transmitir unha serie de ideas que non están na mesma liña. Eu creo que o importante é o goteo diario desde o berce, desde o minuto 0.

-Para as familias ás veces é difícil saber como deben actuar e detectar nelas mesmas comportamentos que non son moi positivos.

-Ao mellor hai xente que non ten claro o que significa estereotipo. Fai alusión a algunhas ideas simplificadas, pero moi asumidas pola sociedade sobre as características, entre comiñas, naturais de homes e mulleres, de nenos e nenas. Unha delas é que ás rapazas lles gusta a cor rosa. É unha parvada, pero é algo que temos moi asumido. Tamén que elas son máis coquetas, máis doces, máis habilidosas coas tarefas domésticas... Dos homes pensamos que sempre son máis fortes, máis brutos, máis brillantes, máis líderes... Isto son estereotipos aos que están sometidos desde que nacen.

-Pódense cambiar as cousas vindo dunha xeración que non tivo tanta información sobre estes temas? Estamos preparados para educar na igualdade?

-A diferenza entre a nosa xeración e a dos nosos fillos é que agora está todo máis artificialmente diferenciado. Na miña época, cando era pequena, non había tanta diferenza nos obxectos, na roupa, nas mochilas... Agora é unha cuestión de consumismo, de mercadotecnia. Agora cando vas mercar calquera obxecto estanche ofrecendo se o queres de nena ou de neno. A cuestión é vender máis.

-Temos claro que se ten que educar na casa e ensinar na escola, pero habería que facer unha fronte común.

-A educación ten que vir da casa, pero nos centros educativos teñen que seguir na mesma liña. Paréceme moi importante iniciativas coma esta, como Espazo Educar, que aglutina a toda comunidade educativa, porque hai unha participación por parte das asociacións de pais e tamén dos equipos docentes, en especial dos orientadores, para avanzar xuntos, camiñar no mesmo sentido. Creo que pode ser beneficioso para poder dar pequenos pasos adiante.

-Agora chega o Nadal, tempo de facer regalos, pero é difícil dicir que non ao que piden.

-O que se pode facer é ampliar horizontes. Non nos imos negar ao vestido de princesa para a nena, pero podemos engadir xogos de construción, un equipo de fútbol... Non podemos estar sempre traballando sobre o mesmo estereotipo restrinxido.