Jaime Bermúdez Alvite presentará este venres na sede da Fundación Eduardo Pondal, en O Couto, Ponteceso, a súa obra «La vida entre la madera. Cien años de historia de tableros derivados del producto de los árboles en España»
01 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Visita este venres a Fundación Eduardo Pondal, en O Couto, Ponteceso, o mazaricán Jaime Domingo Bermúdez Alvite. Farao ás 17.00 horas para falar da súa obra La vida entre la madera. Cien años de historia de tableros derivados del producto de los árboles en España. Jaime é enxeñeiro, xubilado, un dos impulsores do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, do que se foi o seu director. Tamén foi uns anos director Sogama. «O libro é un pouco autobiográfico, trata os 45 anos que dediquei ao sector da transformación da madeira. Comecei no 69, a finais do 69, como axudante dun tecnólogo belga na empresa Finsa, en Santiago», contou en Radio Voz.
-Ven vostede a Ponteceso, terra de pinos, dos rumorosos, como escribiu Eduardo Pondal. Parece difícil imaxinar un mellor contexto para presentar esta obra.
-Pois si. Para min é unha honra poder presentar esta obra na Fundación Pondal. Coido que non pode haber un lugar e un entorno máis axeitado para dar a coñecer este libro.
-Tamén dicía Castelao que vale máis unha terra con árbores nos montes ca un Estado con ouro nos bancos. Cal foi a importancia deste sector en Galicia?
-Foi e é. O sector da industria da transformación da madeira en Galicia foi sempre moi importante. Primeiro, a industria do aserrado e logo a industria de produtos máis tecnificados, como son os taboleiros derivados da madeira. As primeiras fábricas comezaron alá polo 52/53, con Tafisa de Pontevedra, logo Finsa en Pontecesures e a continuación moitas outras que aínda perduran. Finsa é das máis importantes de España, de Europa e incluso do mundo, unha referencia.
-Que supuxeron os taboleiros para o sector?
-Este produto empezou como moitos outros en Estados Unidos e en Alemaña, aínda que hai unha grande diversidade de taboleiros. As primeiras investigacións dirixíronse ao aproveitamento dos residuos que se producían nos serradoiros e noutras transformacións e que non tiñan ningún aproveitamento. A iso hai que sumarlle a chegada de problemas de suministro. Pensouse que se podía dar un maior aproveitamento ás árbores aproveitando todos estes residuos. Ese foi o principio das teorías, das investigacións de Universidades e empresas. Evolucionou a tecnoloxía e hoxe a maior parte da materia prima que se usa para a fabricación de taboleiros son pólas, serrín, residuos de carpintería... Tamén as chamadas madeiras de fin de vida útil.
-Pioneiros da reutilización, da reciclaxe.
-Aquí en Galicia, das primeiras empresas, exactamente. Algún grupo como Finsa, Intasa (San Sadurniño) ou Unemsa (Coristanco), pioneiros da reciclaxe.
-Pioneiros logo tamén da economía circular, da que algo sabe vostede, como presidente de Sogama que foi.
-Algo de reciclaxe sei, si...
-Houbo na Costa da Morte unha grande rede de serradoiros, unha grande industria, que movía moitas familias e empregos. Pero hoxe queda unha mínima parte.
-Isto foi un ciclo que, creo que baixo o meu punto de vista, durante varios decenios non se levou a cabo ben. Falo da silvicultura no monte. As madeiras que se producían eran de baixa calidade e polo tanto practicamente valían só para a industria de trituración. No busco culpables, mais a realidade foi esa. Hoxe, non obstante, a isto estáselle dando a volta, porque se convenceron de que para darlle máis valor engadido á madeira e para ter tamén unha economía máis preto da sociedade, hai que facer unha boa silvicultura, e que eses aproveitamentos intermedios de limpas e podas poden ter utilidade. Logo, hai que deixar unhas árbores, as mellores, para que se poida producir con elas madeira sólida, con un valor engadido tamén moi importante, e que son necesarias. Hoxe vólvese usar a madeira na construción. Tíñanse abandonadas algunhas das súas aplicacións, quizais pola falta de prescritores, sobre todo arquitectos, xente que coñecera ben o traballo da madeira.
-Falamos de futuro agora. Pode pasar pola madeira? Que potencial ten este material?
-Estando de director do Centro Tecnolóxico da Madeira escribín un artigo afirmando iso mesmo, que a madeira é o futuro, e máis aínda no noso país, Galicia. Temos unha grande cantidade de montes baldíos, que non producen nada, salvo toxo, silvas e algún que outro xabarín. Isto ten que cambiar e, de feito, creo que está cambiando un pouco. Tanto na forma de coidar os montes como en canto aplicacións. Hoxe hai moitos arquitectos dedicados á construción en madeira, a prescribir productos deste material... Que ademais é moi bo, noble, reciclable, con moi boas características para a edificación... Logo ten a parte ambiental, ao ser un sumidoiro de dióxido de carbono.