«Con Pondal nas Mariñas», unha das propostas da fundación pontecesá para a Semana Santa

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

BASILIO BELLO

Tamén volve a Escoliña na súa versión de primavera: do 3 ao 6 de abril, con inscrición o sábado 18 de marzo

11 mar 2023 . Actualizado a las 20:35 h.

Presentou a Fundación Eduardo Pondal este sábado unha das súas propostas de Semana Santa: Con Pondal nas Mariñas. Lois García, presidente da entidade, xunto con David Pérez, Virginia Blanco e Brais Pombo, desgranaron esta saída de convivencia ao Pazo de Mariñán (Bergondo) prevista para os días 3, 4, 5 e 6 de abril e destinada a rapaces de 12 a 18 anos. Ademais de actividades de convivencia varias neste emprazamento, haberá na xornada do 4 unha saída guiada á cidade da Coruña, a través do libro Contos da Coruña, da man do seu autor, Xurxo Souto. A inscrición nesta proposta terá un custe de 20 euros, para gratificación do monitorado, segundo informan. Gastos derivados do uso do pazo e transporte corren a cargo da Deputación e do Concello pontecesán. As prazas son limitadas.

Volve a Escoliña

De par desta proposta para pequenos de máis idade, a Fundación Pondal anunciou tamén o retorno da Escoliña na súa versión de Primavera, igualmente para Semana Santa. Entre o 3 e o 6 de abril, de 11.00 a 13.30 horas, nenos de entre 3 e 12 anos terán a oportunidade de participar en variadas propostas. Os interesados xa poden inscribir aos pequenos: sábado 18 de marzo, en horario de mañá, na propia sede da Fundación, no lugar de O Couto.