Manuel Ferreiro, o maior estudoso de Pondal: «Corrixir o himno é xustiza histórica»

P. BLANCO. F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Manuel Ferreiro, á esquerda, nun acto na Fundación Pondal, con Víctor Freixanes
Manuel Ferreiro, á esquerda, nun acto na Fundación Pondal, con Víctor Freixanes Ana Garcia

A VIVA VOZ | Promove cunha trintena de persoas unha iniciativa lexislativa para oficializar o texto orixinal, o escrito polo bardo no 1890, en tanto que o contemplado na Lei de Símbolos de 1984 contén grallas 

23 mar 2023 . Actualizado a las 23:26 h.

«Rexistran unha iniciativa para corrixir erros importantes no himno de Galicia e actualizalo». En novembro do 2022, La Voz informaba así dunha iniciativa lexislativa popular na que unha trintena de persoas, entre eles o maior estudoso da obra de Pondal, solicitaban corrixir os erros observados e restaurar o himno xenuíno. Ese estudoso é Manuel Ferreiro (1955), chairego de nacemento, bergantiñán de corazón.

—Como vai o proceso?

—Estamos no período de recoller as sinaturas. Son necesarias 10.000 para que se poida debater no Parlamento e logo actuar.

—Cren que a sociedade é sensible con isto? Cantamos un himno que non é de todo o escrito por Pondal.

—Todos os días se reforman leis e disposicións, non sería nada novo. Certo é que xa hai unha parte da sociedade que está cantando o himno ben, porque o texto orixinal circula dende hai bastantes anos, e en variados círculos.

—De onde vén o erro?

—Do 1984 data a Lei de Símbolos, onde se fixa e se recolle o noso himno. Recolleuse nela un texto que circulaba dende había decenios, non o orixinal. O himno galego creouse en 1890, que foi cando Pondal o escribiu, mais a difusión inicial produciuse na comunidade emigrada de galegos, na Habana: 1905, 1907, 1909... Alí foi interpretado dunha maneira pública, solemne. Publicouse en prensa e foi collendo grallas. Onde poñía férridos quedou féridos. Rouco pasou a ronco. Clan pasou a chan... Ou alguén pensou que Pondal non sabía galego abondo e cambioulle o ignorantes por iñorantes... Erros de imprenta ou interpretación. Pondal foi consciente disto: en 1913 escribiulle unha carta a José Fontenla, grande difusor do himno na Habana, dicindo que había que corrixilos. Pero, claro, Pondal daquela xa non estaba en condicións físicas nin psíquicas de encargarse diso. Pouco despois morreu. Trátase de restaurar a verdade histórica, afecta a un sinal de identidade de todos os cidadáns de Galicia. Todos sentimos emoción cando o escoitamos, cando se interpreta.

—Un dos poucos non bélico.

—Comeza cunha pregunta aos piñeiros, e estes responden coa voz da terra, e fíxese que o texto oficial [non o orixinal] nin sequera marca que haxa unha pregunta e unha resposta. Contén o recollido por tanto tamén algún erro de puntuación e de marcas tipográficas. Segue sendo o mesmo himno, si, pero trátase de facer unha reparación, é xustiza histórica. Confío na sensibilidade dos parlamentarios que nos representan, para que desta vez así sexa. Xa houbo intentos varios, o primeiro en 1996, pero nunca foi adiante. Tal vez desleixo... Se hai erros hai que corrixilos, punto.

—Serán os tempos chegados?

—Temos esa esperanza. É obvio, evidente, e non custa cartos.

Os promotores da ILP
Os promotores da ILP EUROPAPRESS

—Que tanto importa para un país?

—Os tres símbolos fundamentais dun país son o escudo, a bandeira e o himno. O himno é o que máis interiorizamos, é a expresión cantada da nación, identifícanos ante nós e ante o mundo.

—Xa no 1996 vostede publicaba «De Breogán aos Pinos. O texto do Himno Galego». Pasaron moitos anos. Estamos máis maduros?

—Daquela puido ser un pouco chocante, mais foi Pondal o que escribiu o que escribiu, que hai que corrixilo. E este é un himno de autor, non unha canción popular que poida circular máis ou menos adaptada. Os erros existen, outra cousa é que se pense que para que remexer. Por esa inercia nada mudaría neste mundo.

—Sería xustiza con Pondal?

—Madía leva. Pondal viviu toda a súa vida consagrado á creación dunha obra poética para a redención do pobo galego. Obsesionado pola transmisión da súa obra. Tan obsesionado que ao final sufriu un proceso paranoico, convencido de que os amigos o traizoaran e lle roubaran os manuscritos. Era tal o seu terror a que a súa obra non fose transmitida ao futuro como el o desexaba... O texto de 1890 foi a súa vontade definitiva, tamén a RAG debería velar para que se garanta. A nosa iniciativa solicita que se corrixa o texto, que o Goberno e as institucións publicas garantan a súa interpretación íntegra e que fagan unha campaña de divulgación do himno. En calquera país civilizado o himno entra no currículo escolar. Que eu saiba non está establecido legalmente no noso caso, mais sería o lóxico que os escolares aprendesen o texto do himno, entre outras cousas porque é un grande poema, un dos clásicos, dun dos pais da patria, como Rosalía e Curros.

ANA GARCIA

Eduardo Pondal aínda ten segredos para vostede?

—Dediquei moitas horas da miña vida ao traballo en Pondal, pero todos temos segredos para todos, e máis quen non está xa neste mundo. Sempre pode aparecer un novo texto. O que vai saír proximamente é o proxecto dunha obra teatral. Deixouna non de todo rematada, pero si moi escrita, unha obra teatral en galego que se conserva, e que xa teño transcrita, case coa edición rematada. Era o xénero que lle faltaba a Pondal.