Terra e xente | Na nosa folla de ruta estaba encontrar o muíño das Cabras. Tras varios intentos, sorte tivemos de chegar a el
21 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Non é de estrañar para ninguén que o profesor Xosé Manuel Varela percorra o territorio na procura de algún signo que poida ofrecer claves para coñecemento da nosa identidade. Cando conta con tempo de lecer, sempre está intentando bater con algo, tanto aquí en Brantuas e Niñóns coma en calquera lugar da Costa da Morte ou mesmo fóra dela.
A parroquia de Brantuas ten para el maior interese. É a súa segunda casa. Aquí naceu, medrou e fíxose home seu pai. De aquí eran seus avós paternos. Aquí el mesmo pasou días da súa infancia, na casa de Florentina de Alfredo, súa avoa.
Que todo isto o faga na nosa compaña, alguén a quen tamén lle importa a historia do noso lugar e que, en certa medida, se sente discípulo seu, tampouco é nada raro, aínda que o pareza pola idade dispar entre ambos.
Velaquí esta pequena introdución para quen a necesite, que alguén pode haber.
Na calorosa tarde do pasado 30 de setembro tocounos visita de campo, unha vez máis, ás Croas de Brantuas. Alí estaban mudas entre a cuberta vexetal mais non por iso deixaban de ser pegada expresiva dos nosos devanceiros. Un camiño no tempo que nos enraíza cos ancestros da Idade do Ferro e que pervive como testemuña a día de hoxe. Posta en valor xa!!
Na nosa folla de ruta estaba tamén encontrar o muíño das Cabras. Tras varios intentos, sorte tivemos de chegar a el. Case ao pé das Croas de Brantuas!!
Tempo de desfrute no seu interior e pola volta deste magnífico exemplo de arquitectura da auga. Monumento en bo estado de conservación, de doada recuperación para visitar, pois segue tendo pé e moa intactos, así como robustas paredes.
Tocaba testemuñar idade deste elemento patrimonial. Bótase man do Catastro do Marqués de Ensenada. Ano de 1753. Xa choveu! Brantuas pertencía naquela altura a Malpica. Literal: «Provincia de Santiago. Feligresía de San Julián de Brantuas».
No Catastro... atopamos tres muíños fariñeiros. Muíño de Sebastián, que hoxe segue tendo o mesmo nome mais pasado pola peneira da lingua popular: o Bastián. Naquel entón pertencía a Antonio Laíño. Descríbese como muíño de cubo que constaba dunha roda e moía seis meses ao ano con auga do río Labazán. Renta ao ano «ochenta reales». Na actualidade non temos onde buscar familia deste home xa que non queda apelido Laíño en Brantuas para facelo.
Tamén aparece o muíño das Cabras, coas mesmas características ca o do Bastián salvo que moe tres meses e con auga do río de Gaspar. O seu propietario era don Antonio Puga y Arijón. Renta ao ano «treinta reales».
Un terceiro, chamado de Labazán, que moe con auga do río do mesmo nome e faino durante todo o ano. O seu propietario era da freguesía de Niñóns, José Varela Vecino. Renta ao ano «ciento sesenta reales». Aquí, por lóxica, anotan o actual muíño de Niñóns, que está a continuación do Bastián.
Non aparecen máis referencias a ningún outro muíño de Brantuas, así que estes debían ser os tres existentes nesta parroquia en 1753. Patrimonio centenario a preservar como sinal de identidade mais tamén como recurso de valor económico. Tampouco lles viría nada que nada mal unha restauración e recuperación da súa contorna para a súa posta en valor!!