
Gabriel Varela tivo este ano difícil empresa, coa carga emocional de escribir de seu irmán, falecido hai un ano. Son máis de medio cento de páxinas con memoria, tamén, doutros familiares e amizades
01 sep 2024 . Actualizado a las 23:13 h.Canteiros, arrieiros, zapateiros, tecelás, ferreiros, xastres, músicos e outros oficios, moitos nomes propios, pasaron nos últimos anos pola pluma de Gabriel Varela Pose (Brantuas, Ponteceso, 1949). Dedicado ao mar no que concerne á súa vida laboral, vén entregando dende hai tempo o lecer da xubilación a pescudar na identidade de Brantuas e Niñóns. Cada ano dá a luz a un libro da man da asociación Nosa Señora do Faro e, no arranque da Semana Cultural previa á romaría, o 8 de setembro, preséntase en sociedade. Así foi este domingo tamén, mais este ano, recoñece Gabriel, custou máis.
Tivo moitos días e semanas de sentarse a escribir e non saír nin unha liña: «Terei que secar a miúdo as bágoas que me están podendo», confesa no prólogo. Bonhomía, como bondade natural ligada á sinxeleza nas maneiras, é o título desta nova obra, dedica a Manuel Varela Pose, Manolo de Soneira, o irmán máis novo de Gabriel, falecido o 5 de agosto do 2023 con só 61 anos. «Fomos catro, eu o máis velliño, e quedo eu só. Pódenme as emocións», contaba este sábado Gabriel.
«É un libro humilde, como somos nós», engadía. Tal foi a orfandade que Manuel deixou na familia, no pobo, na veciñanza, na asociación ou nas amizades da pesca e da caza que, sen rematar de acabar o 2023, xa tiña unha placa na súa memoria na Casa do Pobo. Este libro tamén é homenaxe e ata xustiza, tratando de perpetuar a súa persoa: «Arrincárono tan axiña de xunta nós que non lle deu tempo a demostrar toda a súa valía». Bonhomía, conta Gabriel, non é unha biografía como tal, senón unha serie de pequenos relatos agrupados en algo máis de medio cento de páxinas documentadas tamén con fotografías de arquivo familiar.
Desta volta, non estivo só na escrita. Se Gabriel se encarga de pasaxes vitais referentes ao nacemento e escola de seu irmán, á súa chegada ao mar, á súa etapa de contramestre e logo patrón, ou mesmo a súa curta xubilación, moitas outras plumas suman as súas apreciacións persoais sobre Manolo. Compañeiros do mar —textos tan sentidos como o de José Pino, capitán Pino—, da caza á que tan afeccionado era, da asociación Nosa Señora do Faro, afilladas ou mesmo a súa dona, Carmen Álvarez, e fillas, Mónica e Emma.

Bonhomía foi presentado este domingo pola mañá na Casa dos Veciños, con presenza tamén do alcalde, José Manuel Mato ou do coordinador e editor literario, Xosé Manuel Varela, e de moitas destas persoas que quixeron ter unha lembranza para Manoliño. A Semana Cultural de Brantuas-Niñóns seguirá este luns con novena ás 20.00 e actuación do grupo Lucero del Alba ás 21.00.